Ribadeo, 24 de xaneiro de 2024. Acisa está presente desde hoxe en Fitur 2024 xunto ao Concello, conformando a delegación ribadense nesta importante Feira Internacional de Turismo, que se celebra en Madrid.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explica que “participaremos en reunións de traballo con diversos operadores e axencias turísticas, na procura de dar a coñecer os proxectos do Concello de Ribadeo no ámbito do turismo co que asistimos conxuntamente a esta feira, establecer acordos e puntos de colaboración con intermediarios e outros destinos, así como favorecer a difusión de Ribadeo como un destino de calidade visitable durante todo o ano, poñendo en valor tamén as campañas e marcas turísticas de Acisa, que complementan as do Concello de Ribadeo”.
Pérez Prada indica que “desde Acisa traballamos diariamente para fidelizar ás persoas que veñen visitarnos, para atraer novos segmentos demanda, para favorecer a desestacionalización e para poñer en valor os nosos recursos, especialmente os gastronómicos e comerciais mediante diferentes campañas promocionais, como é o Domingueo en Ribadeo, Ribadeo preto de ti, o Centro Comercial coas mellores vistas, Barrios y Vilas Mariñeiras, entre outras…”.
O xerente de Acisa subliña que “a presenza de Acisa nesta importante feira turística é moi relevante, xa que aglutinamos á maior parte do tecido empresarial ribadense, e moi especialmente ao empresariado do sector turístico. Os nosos asociados e asociadas son os principais beneficiarios dela. Nesta feira vaise promocionar Ribadeo como destino turístico. O turismo é o principal motor económico da nosa vila. Por iso debemos seguir traballando na promoción de todo aquilo que Ribadeo pode ofrecer, así como en aumentar e mellorar tanto a nosa oferta turística como os servizos turísticos ofertados polas nosas empresas. A implicación do sector é un piar fundamental na nosa promoción como destino turístico”.
Jesús Pérez engade: “a presenza de Acisa en Fitur irá do 24 ao 26 de xaneiro, onde conxuntamente co Concello de Ribadeo e baixo a súa coordinación poñeranse en valor todos este aspectos nos diferentes encontros empresariais. Ademais Acisa estará presente no acto organizado polo Concello de Ribadeo na Casa de Galicia, representando ao tecido empresarial local, e moi especialmente ao sector turístico”.





















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



