A candidata do BNG escolle a súa casa familiar na aldea de Chorente para que a xente a coñeza mellor e saiba cales son as súas orixes e os ideais que marcarán o seu traballo como presidenta
Santiago de Compostela, 2 de febreiro, 2024. A candidata á Presidencia, Ana Pontón, escolleu a súa casa familiar na aldea de Chorente (Sarria) como primeira parada de campaña, na que estivo arroupada pola súa nai, Aurita, e o seu pai, Luís. Nun entorno moi afectivo, a cociña da vivenda na que se criou, trasladou a súa parte máis persoal. “Quero que os galegos e as galegas ás que lle pido a confianza para ser presidenta saiban quen son, que coñezan de onde veño, cales son as miñas orixes e os meus valores para construír unha Galiza mellor”, explicou.
Dende a cociña da súa infancia, reivindicou o orgullo do rural e de ter nacido nunha familia que, a pesar de ser humilde, nunca lle puxo límites ao que quería ser. “Aquí vivín 18 anos, até que marchei a Santiago para estudar na universidade, e síntome moi orgullosa da miña orixe e moi afortunada de terme criado nunha aldea, cos valores que me transmitiron neste espazo”, asegurou. “Nesta cociña -agregou- aprendín que teos que ter orgullo de nós, que non podemos poñernos límites e que temos capacidade para facer grandes cousas”.
Filla de gandeiros, referiuse ao traballo no rural como exemplo do que significa o esforzo e, emocionada, aludiu a todo o que fixeron os seus pais “por sacar adiante unha familia de catro fillos, dándolle máis oportunidades das que eles tiveron”. A candidata do BNG lembrou como o seu pai tivo que emigrar dende os 16 até os 30 anos, cando regresou a Chorente para traballar nunha cementeira en Ourol, mentres a súa nai se facía cargo dunha pequena explotación gandeira.
“Nesta cociña aprendín tamén a compartir”, continuou, relatando como de pequena lle incomodaba ter “demasiada roupa herdada”. “Nunca nos faltou de nada, pero tampouco nos sobraba nada”, dixo, para engadir que a situación económica da súa familia serviulle co paso dos anos para saber que “non se pode ter de todo e que o importante é saber que hai que traballar para intentar que a túa vida sexa plena e acadar os teus obxectivos”.
Pontón tivo unha lembranza especialmente agarimosa para a súa avoa, coa que durmía cando era pequena e coa que tiña “un vínculo moi potente”. Ela foi quen mellor lle transmitiu o valor do traballo das mulleres e a importancia de reivindicar a igualdade: “Era unha muller especial, dende pequena ensinoume que as mulleres somos iguais que os homes e que nunca permitira que se nos tratase como se fósemos menos. Ela sempre dicía que traballaba máis que os homes, porque cando chegaba a casa aínda tiña que facer a comida, lavar a roupa…”. Foi o seu referente, porque simbolizaba “a todas esas mulleres que nos foron abrindo camiño, que loitaron pola igualdade e que axudaron a que agora non nos poñamos límites sobre as nosas aspiracións”.
Pontón explicou que nacer nunha familia “humilde, traballadora e de aldea” non implica ser menos que ninguén nin ten por que limitar o teu futuro. “Se me preguntaran cando era adolescente se quería ser presidenta, contestaría que nin mo imaxinaba; si mo preguntaran hai dez anos tamén diría que non. Pero hoxe creo que este País necesita unha presidenta”, afirmou, convencida de que a partir do 18-F Galicia pode ter unha muller liderando o Goberno dende os valores que aprendeu en Chorente: “O orgullo de nós, de crer que non temos límite e de que podemos facer grandes cousas”, sintetizou.
Aurita: “Ana vai traballar sempre coas mans libres e coas mans limpas”
A xuntanza na casa familiar tivo un momento especialmente emotivo cando os medios de comunicación preguntáronlle á súa nai como vía á súa filla de cara á cita do 18-F. “Se Ana é presidenta, traballará con honestidade e coa intención de mellorar a vida de todos os galegos e galegas, se aínda hai xente que non sabe a quen votar pídolle que lle dean unha oportunidade porque vaino facer moi ben e vai traballar sempre coas mans libres e as mans limpas”, destacou Aurita visiblemente emocionada.
A candidata do BNG aproveitou a súa visita a Chorente para subliñar, por outra banda, a importancia de coidar o rural para que Galiza avance e destacou, neste sentido, a “enorme capacidade de adaptación e a resiliencia” que a xente do rural ten demostrado ao longo dos últimos tempos.
Pontón avanzou algunha das medidas do programa do BNG para conseguir un rural “máis vivo” e con oportunidades, entre as que destacou a dotación de máis servizos que axuden a fixar poboación, ou o apoio a actividade produtiva coa mobilización de máis de 100.000 hectáreas de superficie agraria útil, o impulso do banco de terras ou o apoio á industria transformadora. Comprometeuse ademais a poñer en marcha o programa do Rural á Mesa, consistente na compra pública de alimentos de proximidade para fornecer aos comedores escolares, de hospitais ou centros sociais e da administración.
Outra das apostas do BNG é a diversificación da actividade económica a través do Ticket Rural para os emprendedores que se asenten no rural, que recibirían 15.000 euros anuais durante cinco años e terían ademais descontos nas súas bonificacións.
Todas medidas que Pontón defendeu ao inicio dunha campaña que, reivindicou, debe estar centrada exclusivamente en Galiza, propondo solucións para mellorar a vida dos galegos e as galegas e non traendo ao País as “batallitas madrileñas”. “Estas eleccións van de Galiza e dos galegos, non son o premio de consolación nin a reválida de ninguén”, considerou.
A candidata concluíu facendo un chamamento á participación e ao voto ao BNG na cita do 18F. “Nótase que hai ganas de cambio”, considerou, e confesou que encara esta campaña chea de ilusión e con moita forza para que “en Galiza, este ano a primavera comece o 18-F”.



















Ocorreu pasadas as 15:30 horas. Un traballador tivo que ser evacuado ao hospital logo de caerlle o tronco dunha árbore enriba mentres realizaba tarefas no monte en Cervo. Aínda que estaba liberado e consciente, precisaba asistencia sanitaria. Os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 trasladárono finalmente ao Hospital de Burela. Neste operativo tamén participaron a Garda Civil e a Policía Local de Cervo.
Subliñou o traballo colectivo, o papel do voluntariado e a participación de arredor de mil corredores. Tamén puxo en valor o impacto económico e social da proba e o apoio institucional que permite o seu crecemento, incluída a difusión en streaming que levou a CAMOVI e a Viveiro a todo o mundo.
O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.
Ás doce en punto, tres foguetes —un por cada palabra do nome oficial— foron lanzados desde O Castrodouro, capital histórica do termo municipal e orixe da localidade, pois alí, hai 806 anos, Afonso IX concedeu o título de vila e todo un distrito que administrar; episodio histórico do que deriva o nome do concello. Os veciños reunidos mostraron a súa satisfacción pola recuperación da denominación histórica, afirmando moitos deles que nunca deixaran de empregar o nome completo. Do mesmo xeito, os maiores agradeceron aos impulsores da iniciativa a restitución do topónimo que a historia legou ao municipio alfocés.
Viveiro, 20 de abril, 2026. A proba volveu converter Viveiro nun punto destacado do deporte e da convivencia, ademais de supoñer un impulso económico para o municipio. María Loureiro destacou que a Camovi “é un exemplo de colaboración e esforzo colectivo, que sitúa Viveiro no mapa e dinamiza a economía local”. O Partido Socialista lembra o seu apoio histórico á carreira e reafirma o seu compromiso para seguir contribuíndo ao seu crecemento. O PSOE agradece tamén á veciñanza a súa acollida e implicación, fundamentais para que o evento continúe medrando ano tras ano.
Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.
O responsable provincial destacou "o traballo realizado pola organización ao longo destes anos para consolidar unha proba deportiva de primeiro nivel, que atrae tanto deportistas do máximo nivel competitivo como participación popular"



