A primeira desta serie de veladas será o sábado 30 de marzo a partir das 22 horas, no centro social Xebra, na rúa Leandro Cucurny 19, Burela
Burela, 22 de marzo, 2024. A Semana Santa é un tempo que convida ao recollemento e á reflexión. Con todo, o centro social Xebra, en Burela, escolle esta data para inaugurar os seu ‘Sábados electrónicos’, unha iniciativa da asociación que ofrecerá semestralmente sesións electrónicas con DJs de primeiro nivel na escena galega e estatal. O primeiro guateque será o sábado 30 de marzo, a partir das 22 horas, con entrada a 8 euros para persoas socias (10 euros para non socias).
Os artistas convidados serán Death Whistle e Ángel Novcad. O primeiro é o proxecto musical do multifacético explorador sonoro e audiovisual Víctor García, orixinario de Viveiro e actualmente taxista na vila. O artista conta cunha traxectoria mutante ao longo dos anos que o teñen levado desde ser parte de grupos como Mano de obra ata a creación de música para videoxogos e obras cinematográficas, entre as que destacan as películas ganadoras nos premios Goya Decorado e Psiconautas, los niños olvidados. Despois da publicación dun primeiro álbum, Alter, co selo barcelonés Hedonic Reversal, chega ao Xebra a presentar o seu novo directo cargado de escuras paisaxes sonoras xunto con paraxes ambientais que se cortan abruptamente.
A outra cabeza que completa o cartaz desta primeira edición é Ángel NovCad, nome artístico do proxecto en solitario de José Ángel Novoa, membro tamén de grupos musicais como Viernes y Furia, Fábrica de Espejos ou Terror Erótico Adolescente. Con a proposta musical coa que chega a Burela publicou xa 4 EP’s nos que combina diferentes xéneros que van desde o Rock Experimental ao Ambient, pasando sempre polo tamiz do Techno. Como acostuma a facer nos seus directos, no Xebra combinará a música en directo cun espectáculo audovisual.
Organización e artistas animan ao público a asistir e prometen un encontro que incitará á diversión e que contraprograma –desde a alegría e a música– a formalidade da Semana Santa.