Ribadeo, 7 de maio, 2024. O BNG presenta unha moción ao pleno na que insta ao Concello de Ribadeo a crear un parque canino dentro do espazo urbano. “É unha medida que levábamos no noso programa electoral e, tamén desde a oposición, queremos ser propositivos e prácticos para as veciñas e veciños de Ribadeo. Despois desta primeira proposta seguiremos presentando medidas e iniciativas ao longo do mandato. Intentaremos chegar a acordos co resto dos partidos que conforman a corporación para conseguir sacalas adiante”, segundo indicou o concelleiro Martín Graña.
En canto a esta proposta Martín Graña tamén explicou que “os cans son sentidos como membros das familias e forman parte do noso día a día desde hai moito tempo. Nos últimos anos consolidouse a tendencia a convivir con mascotas nos ámbitos urbanos. Esta convivencia pode chegar a provocar molestias para as persoas en xeral e para os propios donos das mascotas en particular no momento en que hai que sacalas á rúa para que paseen e fagan as súas necesidades. Esta problemática non é nova, e nos últimos anos lexislouse para asegurar o mantemento da hixiene e seguridade na vía pública e traballar na concienciación cidadá.
Unha vez asegurado o respecto ás normas de hixiene e seguridade, e tendo en conta os avances en recoñecemento e coidado aos animais dos últimos anos, o seguinte paso é dotar as vilas e cidades de lugares de lecer acoutados, acondicionados e amplos para que os cans poidan xogar e correr libremente sen ter que saír do casco urbano.
Un parque canino é un espazo público no que os cans poden cubrir determinadas necesidades como socializar, realizar exercicio, pasear sen correa, etc. Todo iso nunhas boas condicións de salubridade e seguridade, tanto para os animais como para as persoas que os acompañan.”






















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



