Lugo, luns 6 de maio de 2024. O proxecto ‘Mulleres á fronte dende o Sur Global. Investigación e intervención participativa en materia de desenvolvemento e igualdade a través da música’ está a trazar unha cartografía das mulleres migrantes relacionadas coa música e outras artes en Galicia. En concreto, o consorcio liderado pola USC inspírase na experiencia do grupo de mulleres de orixe caboverdiana ‘Batuko Tabanka’ de Burela, e na potencialidade do xénero musical do batuko, tradición cultural na illa de Santiago, onde existen decenas de grupos de mulleres unidas pola súa práctica.
“O propio nome é unha chiscadela de ollo á famosa expresión ‘Girls to the front!’, coa que cristaliza o movemento de punk feminista riot grrrl durante os anos noventa, unha chamada a que as mulleres ocupen os escenarios e a parte frontal nos concertos, de onde en tantas ocasións tiñan sido apartadas e desprazadas”, explica a antropóloga e profesora da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, Luzia Oca González. A investigadora coordina na USC este proxecto, financiado pola Cooperación Galega, e que tamén conta coa participación de UDC, UVigo e a ONG Ecos do Sur. Estas experiencias están a servir como referencia para identificar entre o colectivo de mulleres migrantes en Galicia, aquelas relacionadas coa creación e transmisión musical e outras artes escénicas.
“Trátase dunha investigación aplicada en materia de cooperación ao desenvolvemento que pon o foco nas mulleres vinculadas coa música e outras artes escénicas, con base na potencialidade das artes en canto ferramentas de intervención para a transformación social”, explica a profesora Oca González. Baixo esta premisa, o proceso investigador e de intervención contempla unha primeira fase de “mapeamento” que se desenvolve en simultáneo en Cabo Verde e Galicia e que conta cunha páxina web na que as persoas interesadas poden inscribirse para participar no estudo. Deste xeito, créase unha base de datos de grupos de batukadeiras nas localidades do municipio de Ribeira Grande de Santiago, ao tempo que en Galicia, se realiza outro rexistro de mulleres migrantes implicadas na música e outras artes escénicas, para crear unha cartografía que as identifique e recolla as súas experiencias e propostas. O obxectivo xeral do proxecto é desenvolver, a partir dunha investigación participativa, unha ferramenta metodolóxica aplicada para a intervención en materia de igualdade de xénero a través das expresións artísticas con mulleres migrantes.
Arquivo dixital
O conxunto dos datos recollidos integrará un arquivo dixital cos recursos e creacións musicais dos grupos de batukadeiras do municipio de Ribeira Grande de Santiago, coa vontade de ser ampliado posteriormente ao resto da illa e comunidades migrantes. O consorcio quere apoiar, deste xeito, o proceso de valorización do batuko que se está a desenvolver en Cabo Verde, contando coa colaboración e apoio do Instituto de Igualdade e Equidade de Género e a Organização de Mulheres de Cabo Verde.
O proxecto permite revisar de forma crítica, xunto cos grupos de mulleres (batukadeiras e migrantes), “cuestións vinculadas ás relacións e desigualdades de xénero, propondo a construción de alternativas igualitarias que faciliten os procesos de cambio social no camiño da igualdade de xénero”, matiza a profesora Oca. Capacitar os grupos de batukadeiras e migrantes para que difundan as súas creacións de forma independente, tanto a través do arquivo como por outros medios dixitais é outra das metas deste consorcio, alén de propiciar o xurdimento de estratexias individuais ou colectivas de superación das desigualdades e violencias que sofren as mulleres.






















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.


