Os populares desbotan a escusa do goberno municipal ante estes incumprimentos polo “volume de traballo” porque “se fora por falta de persoal puideron incluír unha praza de técnico de contratación na RPT que non incluíron”
Viveiro, 6 de xuño de 2024. O Grupo Popular logra sacar adiante no Pleno da Corporación Municipal de Viveiro unha iniciativa para instar ao goberno local bipartito a cumprir escrupulosamente os procedementos e a normativa orzamentaria.
Os populares presentaron esta moción despois de ter detectado nas actas públicas das xuntas de goberno do primeiro ano de Goberno bipartito os gastos que propoñen cada semana PSOE e BNG, a pesar de non dispoñer de partida orzamentaria para facerlles fronte. “Isto lévanos á realidade actual: deber a metade dos 835.000 euros de facturas pendentes de pago do ano 2023 e ter condicionada a estabilidade económica e orzamentaria do Concello”, segundo advirte a portavoz popular, Mariña Gueimunde.
Os populares condenan a “falta de organización e planificación que leva á improvisación e deriva nunha mala xestión que se repite ano tras ano” por parte do goberno en materia de contratación, igual que noutros moitos aspectos.
Gueimunde explica que “moitos dos expedientes tramitados nos últimos anos, especialmente no 2023, son recoñecementos de obrigas contraídas sen seguir os trámites que marca a normativa : sen licitación ou sen procedemento de contratación como require a lei para os contratos menores”. É dicir, “sáltanse as normas e as súas actuacións poderían ter carácter ilícito como xa advertiron en varias ocasións dende o 2019, o 2022 e agora en febreiro de 2024 Secretaría e Intervención a través de circulares ao equipo de goberno para reconducir estas prácticas. Expóñennos a todos a incorrer na nulidade dos actos e a eles mesmos en responsabilizarse patrimonial e, incluso, penalmente”, apunta a popular.
Os concelleiros do PP tamén poñen como exemplo que neste primeiro ano de mandato “aparecen múltiples contratos menores” cando para os “servizos recorrentes que responden a unha mesma necesidade e se realizan ano tras ano, se deben licitar” porque, do contrario, “recórrese nun fraccionamento ilícito do contrato”. E, ademais, advirten de que “algúns destes contratos menores implican unha subvención en especie -pagos de transportes ou compra de materiais- a favor dalgunhas asociacións en detrimento doutras que seguen esperando sen recibir un só céntimo. E todo, a pesar de que existe, incluso, unha ordenanza municipal que regula estas situacións, pero que non aplican”.
“Eses contratos-ponte que fai o goberno municipal mentres non se procede a sacar as licitacións deixan de ser excepcionais cando se converten en habitual. Pero estes incumprimentos non se poden xustificar como pretende facer o goberno viveirense polo volume de traballo porque, se falta de persoal, tiveron a oportunidade de sacar na RPT (Relación de Postos de Traballo) aprobada recentemente unha praza de técnico de contratación para realizar os pregos e licitar os contratos”, engade Mariña Gueimunde. En lugar, diso “empregan o contrato verbal como fórmula substitutiva do procedemento sen saber se existen fondos para afrontar os gastos”, incide.
CHIRINGUITOS
“Continúan con gastos superfluos como as ceas secretas, caramelos, comidas e pinchos, camisetas, bolsas publicitarias ou espectáculos de magos por 5.200 euros a finais de ano. E, ademais, “favorecen os chiringuitos”.
A popular explica que “varias empresas e persoas físicas facturan durante un só ano máis de 41.000 euros ao Concello sin mediar procedemento algún de por medio e restando a posibilidade a outras empresas de participar ou concorrer a prestar ese servizo. E “tampouco é admisible que varias empresas dun mesmo titular ou titulares para un mesmo fin facturen directamente ao Concello nun só ano máis de 100.000 euros” cando o límite máximo para contratos menores serían 15.000 euros e para obras, 50.000 euros.
“Non é posible que gastos fixos como o pago do alugueiro dunha nave en Celeiro ou os dun gabinete de comunicación para o Concello que nos costa 1.210 euros mensuais, se sigan facendo pagando mes a mes como obriga sen proposta”, engadiu.
RESPONSABILIDADES
A portavoz popular censura que “lonxe de asumir responsabilidades e entoar o “mea culpa” o bipartito PSOE-BNG se defenda cada un á súa maneira”.
“O PSOE minimiza a situación e di que 200 facturas nun ano sin consignación presupostaria non son tantas -segundo o concelleiro de Economía e Facenda- aínda que 73 delas figuren nas xuntas de goberno local despois da circular emitida pola interventora e a secretaria advertíndolles dos incumprimentos. E culpabiliza aos funcionarios pois, segundo el, “non é o goberno local o que fai os pregos e as licitacións” e tacha ao PP de argumentario incoherente cando reproduce textualmente os parágrafos do informe firmado pola interventora e secretaria analizando a situación. A alcaldesa, pola súa banda, cansou de repetir que estas actuacións “son legais o que demostra un claro descoñecemento da lei e unha irresponsabilidade como mandataria”.
“O BNG, no seu caso, desmárcase novamente da xestión da súa socia de goberno e argumenta que son facturas anteriores á entrada do BNG no goberno”. Pero, “non é certo o que di a tenente de alcaldesa cando parte deses gastos e desas facturas foron xerados por ela e as súas concellerías”, tal e como lle espetou Gueimunde facendo referencia a un dos moitos documentos de obrigas sen proposta firmados por Bermúdez en marzo deste mesmo ano. “Sodes responsables as dúas”, rematou a popular.






















A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



