A Voceira socialista do Goberno destacou que “cada ano estamos a rexistrar un aumento na presentación de solicitudes, acadando nesta ocasión un total de 47. Isto confirma a boa acollida desta iniciativa entre o tecido asociativo, e permítenos avanzar na promoción do coñecemento e do desenvolvemento sostible destes territorios”
Lugo, 19 de xullo de 2024. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a listaxe provisional das entidades beneficiarias da liña de axudas en réxime de concorrencia competitiva que convoca a institución provincial por un importe de 110.000€ para entidades sen ánimo de lucro asentadas ou que teñen o seu ámbito de actuación nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.
A Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, destacou que este ano son 43 as que foron admitidas, e que “cada ano estamos a rexistrar un aumento na presentación de solicitudes, acadando nesta ocasión un total de 47. Isto confirma a boa acollida desta iniciativa entre o tecido asociativo, e nos permite avanzar na promoción do coñecemento e do desenvolvemento sostible destes territorios”.
Segundo apuntou Pilar García Porto, esta é a cuarta edición desta liña de axudas, “que iniciamos no pasado mandato, e que dado o éxito acadado, incrementamos hai un ano o orzamento nun 30%, ata alcanzar os 110.000€”. Un aumento, engadiu “que nos permite desenvolver máis proxectos de dinamización das Reservas da Biosfera”.
Estas axudas teñen por finalidade apoiar proxectos vinculados ao medio ambiente e o rural que poñan en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios. “Forman parte da estratexia que promovemos dende a institución provincial para favorecer o coidado das Reservas da Biosfera que xestionamos, ao mesmo tempo, que impulsar o seu desenvolvemento económico dun xeito sostible e contando co tecido social e produtivo da zona”, enfatizou a Voceira socialista do Goberno.
En concreto, a institución provincial ten dúas liñas de axudas, destinando un total de 60.000€ para actividades na Reserva da Biosfera Terras do Miño e 50.000€ para a dos Ancares Lucenses, repartidos en axudas de entre 1.000€ e 7.000€ por cada proxecto presentado.
Na listaxe provisional aprobada na Xunta de Goberno de hoxe figuran iniciativas tan diversas como a mellora de camiños, tarefas de conservación de contornas naturais, desenvolvemento de xornadas de divulgación e promoción dos territorios, obradoiros de artesanía, actividades educativas con colexios vinculadas á agricultura ecolóxica, ou a elaboración dun documental para difundir os recursos naturais das Reservas. A vindeira semana publicarase a listaxe das entidades beneficiarias no Boletín Oficial da Provincia, e a partir desa data abrirase un prazo de 10 días hábiles para presentar alegacións.
Tres novos vehículos híbridos para o Parque Móbil
A Xunta de Goberno aprobou tamén licitar, por 204.600€, a adquisición de tres vehículos berlinas híbridos enchufables para o Parque Móbil da Deputación. Este contrato ten por obxectivo renovar e modernizar a frota, adaptándose as esixencias da normativa europea que limita as emisións de dióxido de carbono (CO2) na circulación urbana. Os novos turismos substituirán a outros tres vehículos de combustión do Parque Móbil, que superan os 500.000 quilómetros e os 20 anos de antigüidade.
Remanentes do Plan Deputación 2024
Finalmente, na Xunta de Goberno desta mañá aprobouse a solicitude do Concello de Sober para investir remanentes do Plan Dpeutación 2024 en novas actuacións. En concreto destinará 6.349€ para levar a cabo mellora en varias vías municipais. Os traballos de acondicionamento afectarán ás estradas que van de Ceceda a Vilar de Mouro; de Cadaval a Vilachá; de Amandi a O Lameiro; de Santiorxo a Bulso; de Bulso a Santa Cruz e a que vai a Liñarán; tamén as vías de Veleigaz a Xanimol; de Xinamol a Veiga; de Neiras a Vacariza; de A Buardilla a Aroxó e, por último, a estrada que vai de San Martiño a Vilela.
Ademais, na Xunta de hoxe tamén saíu adiante a solicitude do Concello de Barreiros para a modificación de investimentos a cargo tamén do Plan Deputación 2024. Neste caso, a entidade local dedicará 217.780€ á rehabilitación do colector de saneamento que se viu afectado no barrio de Carriceiras, na parroquia de Santiago de Reinante





















A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



