José Tomé Roca mantivo un encontro este mércores co Presidente da Xunta na Delegación Territorial en Lugo, que valorou como “cordial e positivo” para avanzar conxuntamente nos temas pendentes coa provincia
Lugo, 17 de abril de 2024. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, mantivo este mércores unha reunión de traballo co Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, onde lle plantexou un decálogo de medidas de interese para a provincia de Lugo. A reunión, que se celebrou na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, foi “cordial e positiva, onde tivemos ocasión de avanzar en temas de ámbito autonómico, pero sobre todo provincial”.
“É a primeira vez en cinco anos que levo de Presidente que me reúno co Presidente da Xunta. Son encontros que serven para falar, propoñer os diferentes puntos de vista e buscar solucións. Agardo que estas reunións continúen, eu mesmo convidei a Alfonso Rueda a continuar con estas reunións de traballo no Pazo de San Marcos. Ao remate do encontro o Presidente da Deputación entregoulle a Alfonso Rueda como agasallo institucional un exemplar do libro Proxectos para o Hospital de Isabel II, o Instituto de 2ª Ensinanza e a Deputación Provincial de Lugo.
Estradas
O mandatario provincial e o titular da Xunta acordaron crear grupos de traballo para abordar a transferencia de infraestruturas viarias entre administracións, tendo en conta que a Deputación de Lugo é a que administración provincial que máis quilómetros ten, máis de 4.200km. En relación á Ronda Leste, Tomé propúxolle a Rueda que a Xunta declare este proxecto como unha obra de interese supramunicipal, ademais de poñer sobre a mesa un trazado alternativo que non afecte ás masas arbóreas nin ao leito e contorna do río Rato, conectándose directamente coa N-VI no entorno da gasolineira do Miño.
En canto á estrada do Courel, a LU-651, Tomé Roca urxiulle a Rueda o arranxo integral da vía e que se axilice a reparación do treito que se derrubou. O titular da Xunta comprometeuse a licitar este ano esas obras de reparación do treito que se derrubara e darlle continuidade ás obras para “que os cidadáns desta zona da Montaña teñan unha mellor comunicación da que teñen, así que estaremos vixiantes para que se cumpra coa palabra dada”.
Pola súa banda, pediulle a reactivación da VAC Costa Norte, dándolle prioridade á variante de Viveiro “para sacar esa cantidade de tráfico que hoxe atravesa a diario por esta cidade”. Tomé comprometeuse, así mesmo, pedirlle ao Goberno do Estado axilizar a autovía A-74.
Tamén en materia de infraestruturas, o Presidente demandou que se desdobre a autovía Nadela-Monforte pola súa importancia social. “Rueda amosoume o seu compromiso de traballar nese sentido, dando debido cumprimento ao acordo unánime do Parlamento de Galicia, coa intención de facer chegar esta autovía ata Monforte, algo que resultaría moi beneficioso para a zona sur da provincia”.
Sanidade e SAF
Tomé Roca trasladoulle, así mesmo, a súa preocupación polo estado da sanidade pública na provincia de Lugo, con especial fincapé na atención primaria, “onde o 80% dos concellos ten carencias de persoal”, esixíndolle unha estratexia que solucione estes problemas para achegar os servizos sanitarios á poboación.
En relación ao Servizo de Axuda no Fogar, o Presidente da Deputación e o da Xunta coincidiron en que os concellos están asumindo forte cargas orzamentarias para este servizo, e que é “un servizo cada vez máis demandado, cun alto custe”. Rueda adquiriu o compromiso de facer un aumento na parte que asume a Xunta de Galicia, facendo cumprimento da Lei de Dependencia, pedindo tamén que o Goberno do Estado cumpra coa súa parte proporcional.
A maiores, Tomé Roca trasladoulle a relevancia social que está tendo a Rede de Centros de Atención a Maiores que a Deputación ten en marcha na provincia, con 9 en funcionamento e 9 en proxecto ou construción, e pediulle a implicación da Xunta de Galicia ao ser quen ten as competencias en materia se servizos sociais.
Campus Terra
O Presidente da Deputación abordou un tema que para a institución provincial “é moi relevante, como é o do Campus Terra”. “Propúxenlle modificar o decreto do ano 2011 que limita o número mínimo de alumnos por estudos, un feito que non responde ás necesidades da provincia de Lugo. Hai que ter en conta que os estudos técnicos de Lugo son eminentemente prácticos, polo que é normal que haxa menos alumnado que noutras ensinanzas máis teóricas. Rueda comprometeuse a estudar co Conselleiro de Educación esta cuestión, igual que no caso de producirse agrupamentos de titulacións se faga en torno ao Campus de Lugo”.
Plan Industrial e Porto Seco
Boa recepción tamén recibiu a proposta do Presidente da Deputación de que a Xunta de Galicia desenvolva un Plan Industrial para Galicia. “Necesitamos iniciativas empresariais no territorio para evitar que a poboación marche, sobre todo no interior de Galicia. Nós apostamos pola creación de nodos comarcais nas cabeceiras de comarca. Temos que xerar valor engadido grazas á transformación das materias primarias, posto que a provincia de Lugo é líder nacional na produción de leite, carne e madeira, e punteiros tamén na pesca”.
Pola súa banda, Tomé Roca reclamoulle o muelle de carga e o acceso á N-120 ao Porto Seco. “Hai un tramo feito desa conexión, queda outro tramo de aproximadamente dun quilómetro, e isto leva anos paralizado”, apuntou. Rueda trasladoulle a súa vontade de analizar a situación para desbloquear esta importante infraestrutura.
Ambos mandatarios quedaron tamén en analizar o financiamento do Consorcio Provincial de Bombeiros da Provincia de Lugo para que se faga dun xeito semellante á proporción que ten o de Ourense.
Canon da Auga
Entre os asuntos que se debateron no encontro de hoxe, Tomé Roca pediu un acordo entre a Xunta e a FEGAMP para a distribución do canon da auga. “Que reverta, como mínimo nun 50” dos fondos nos concellos en proporción ao recadado, que terán que ir destinados a cubrir as necesidades de saneamento e abastecemento. Que cunha parte do 50% restante vaia destinada a sufragar os gastos de xestión do propio organismo e que se estableza un fondo de solidariedade de entre para os concellos que non contan coa capacidade orzamentaria suficiente para tal fin”..



















A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.



