O obxectivo é planificar e ordenar as actuacións urbanísticas necesarias para desenvolver un ámbito que suma unha superficie total de 93.663,6 m²
Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2024. A Xunta de Galicia acaba de darlle o visto e prace ambiental ao Plan estruturante de ordenación do solo empresarial (PEOSE) para a ampliación do parque empresarial de Camba, no concello lucense de Xove.
O informe ambiental estratéxico emitido hai uns días pola Dirección Xeral de Calidade Ambiente e Sostibilidade —dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático— conclúe que non se prevé que o desenvolvemento previsto na zona teña efectos ambientais significativos se se cumpren unha serie de condicións e consideracións desde o punto de vista do patrimonio cultural, a paisaxe, os recursos hídricos e o urbanismo, recollidas no propio documento.
Con esta resolución dáse por superado o trámite ambiental do PEOSE da ampliación do parque empresarial de Camba, que poderá continuar coa súa tramitación. Con tal fin, o informe ambiental será remitido á empresa pública Xestur, como promotora do plan, e á Consellería de Economía e Industria, na súa condición de órgano substantivo, ademais de publicarse proximamente no Diario Oficial de Galicia.
Cómpre lembrar que o obxectivo do PEOSE é planificar e ordenar as actuacións urbanísticas necesarias para a ampliación do polígono de Xove, desenvolvemento previsto no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia.
O borrador do documento que foi sometido a informe ambiental delimita 88.238,8 m² como ampliación do parque empresarial e outros 5.424,8 m² para mellorar a conexión viaria exterior, o que fai que a superficie total do ámbito de actuación sume 93.663,6 m², cuxo desenvolvemento se propón abordar e executar en dúas fases.