Dicía un mestre meu que para saber hai que ver ou ler. Esta afirmación adáptase perfectamente á actividade deportiva do sendeirismo, que obriga a combinar lectura e visión. Lectura para ter información sólida das distintas rutas que conforman un programa anual e visión para sentir a proximidade da natureza con todo o que esta ofrece.
“Pasada das Cabras” nace no ano 2004 coa vocación de motivar a poboación de Burela na práctica deportiva, adaptada para todas as idades, que favoreza a socialización, a valoración e compromiso co medio ambiente, a etnografía, o coñecemento de lugares singulares e a sensación óptima de compartir experiencias. Iso si, notando os beneficios dun deporte que estimula o físico e tamén o mental.
Nestes vinte anos de andaina acumulamos miles de quilómetros que repartimos pola xeografía próxima e remota. Hai que destacar as múltiples saídas a todas as provincias galegas nas que se combinan rutas de mar e montaña, ou as dúas cousas. A Asturias, que ten imán para os sendeiristas esixentes e onde Sotres, Cares, Xanas, Bulnes e outras rutas nos Picos de Europa presumen de ser de primeira división. Pasamos por Valladolid, Salamanca, León, Lanzarote, Málaga, Pireneos de Huesca, e Portugal. Destacaron tamén, como moi importantes e significativas, as rutas que tiveron como soporte o Camiño Xacobeo. O Camiño Francés, o Camiño do Norte e o Primitivo tamén tiveron moita aceptación e participación elevada.
Cunha cadencia mínima dunha ruta ao mes concretamos, ano a ano, un programa diverso de rutas axeitadas para todos os socios e non socios, combinando ben os mellores ingredientes: paisaxe, dificultade, situación xeográfica e contidos etnográficos, naturais, e culturais. Compartimos andainas con outras asociacións semellantes cando invitamos, ou nos invitan, a participar. Deste xeito damos a coñecer a nosa localidade, Burela, e a súa Ruta Circular que suxeriu e impulsou “Pasada das Cabras”. O sendeirismo facilita as relacións sociais e, para favorecer esta virtude, acostumamos a xantar todos xuntos ao rematar a ruta, procurando acomodarse á gastronomía da zona.
Unha cualidade importante do sendeirismo é favorecer a integración coa Natureza. Ao camiñar nótase e séntese a súa presenza de múltiples maneiras. O ruxir das augas nunha fervenza, o son de vento cando abanea as pólas das árbores, a espesura dun bosque con especies autóctonas, o canto dos paxaros, a fauna, a choiva e o sol. Pero tamén se descobre a contaminación das augas dos ríos, a perda de neve no cumio das montañas, o abandono do rural, o lixo espallado de todo canto se fabrica, o monocultivo forestal…, circunstancias que nos deben lembrar o compromiso de favorecer o ecosistema, a mestura equilibrada de sociedade e medio ambiente e, tamén, a toma de conciencia do cambio climático. O sendeirismo ensina.
O próximo catorce de decembro, para celebrar o vinte aniversario, imos repetir a mesma ruta coa que comezamos esta aventura. Principiando no Acebo, camiñaremos ata a Fonsagrada, uns once quilómetros, polo Camiño Primitivo. Se o día está claro, a estampa paisaxística está asegurada. Montes de Asturias, León e Galicia amosando altura e referencia cardinal. Invítovos a participar.
“Pasada das Cabras” xa é parte da nosa memoria colectiva e desexo que siga, non moitos anos máis senón para sempre.
Vémonos camiñando.
Alfredo Llano García




















Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



