Compostela, 25 de novembro, 2024. A asociación ecoloxista ADEGA lanza unha campaña de recadación #TiPodesParalos para recorrer no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza o polígono eólico Restelo, proxectado na comarca dos Ancares e da Fonsagrada. A organización precisa reunir 6.800 fondos solidarios para cubrir os custos derivados da presentación do recurso de alzada no organismo correspondente e do recurso contencioso-administrativo no TSXG contra a autorización administrativa previa e a autorización de construción deste proxecto eólico, ademais da elaboración do informe técnico ambiental e da solicitude de paralización cautelar das obras.
Trátase, en concreto, do parque Restelo, que prevé a instalación de 6 aeroxeradores de 200 metros de altura nos concellos lucenses de Navia de Suarna, Baleira, Becerreá e A Fonsagrada. Está promovido por Greenalia Wind Power e foi deseñado para fornecer o complexo industrial de Alcoa San Cibrao. Todo apunta a que se trata dun novo caso de fragmentación artificial dun único proxecto eólico -Restelo, xunto con Monteiro e Pena do Pico, moi próximos e que comparten liña de evacuación-, artellado coa finalidade de minimizar os impactos do proxecto no procedemento de avaliación ambiental, o que podería tratarse dunha fraude de lei.
Para poder contribuír a este novo desafío #TPP, ADEGA acaba de facer pública a seguinte plataforma online de crowdfunding: https://tipodesparalos.helpbysc.com/restelo. Ademais, a pasada semana a organización tamén puxo en marcha a campaña de recadación solidaria para procurar frear o proxecto eólico Monteiro, fragmentación de Restelo, que pode consultarse na seguinte ligazón: https://tipodesparalos.helpbysc.com/monteiro.
Proxectado a escasos quilómetros da ZEC Ancares-Courel
O proxecto eólico Restelo sitúase nas montañas das comarcas dos Ancares e da Fonsagrada. Emprazaríase a escasos 5,5 km da ZEC Ancares-Courel e a menos de 2 km da zona proposta para integrar a ampliación da Rede Natura 2000 (concretamente, do novo LIC Serra de Foncuberta -ES1120020-), presentada pola Xunta en 2008. As instalacións deste polígono eólico situaríanse maioritariamente dentro da Reserva da biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón (zona de transición), e a súa liña de evacuación, conxunta co PE Monteiro, atinxiría tamén á zona tampón desta área.
Ademais, a zona de actuación do proxecto sitúase a 6 km ao oeste dunha área con presenza da aguia real (Aquila chrysaetos) e a 10 km da área prioritaria para dita especie, que se atopa en perigo de extinción. Cómpre sinalar tamén a posible presenza de oso pardo cantábrico (Ursus arctos) na zona de implantación deste proxecto. No verán de 2024 rexistrouse a presenza dun macho adulto dentro do territorio ocupado pola poligonal do parque eólico Monteiro, contiguo a Restelo. Hai tamén avistamentos de osas con crías cara ao Norte, polo que este parque, xunto co de Monteiro e os contiguos dos Ancares (Serra do Colmo, Serra de Piñeira, Chao do Marco, Serra do Furco e Reboiro), poderían estar localizados nunha área de presenza e expansión da especie.
Obxectivos de recadación
O obxectivo mínimo de recadación colectiva establecido por ADEGA para este desafío é de 6.800 euros. Esta recadación establécese en dúas fases. A primeira terá unha duración de 1 mes desde este luns, 25 de novembro, e nela será preciso acadar un mínimo de 3.400 euros, o que garantirá a presentación por parte de ADEGA do pertinente recurso administrativo de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental, alén de poder cubrir outros gastos de xestión. Nunha segunda fase procurarase acadar a metade restante, para a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como para a solicitude de paralización cautelar.
Éxitos logrados
A campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos converteuse xa na iniciativa máis exitosa de todas as campañas de micromecenado que se teñen lanzado en Galiza con fins de defensa ambiental, tanto pola envergadura dos fondos recadados (preto de 200.000 no ano 2023) como polo número de achegas (con máis de 2.000 colectivos, asociacións e persoas particulares involucradas).
Ademais, os éxitos logrados ata o momento nos tribunais acreditan o traballo desenvolvido en defensa do medio ambiente e do rural no marco desta campaña. Son xa unha vintena os proxectos eólicos paralizados cautelarmente por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a instancias de ADEGA, grazas á masiva solidariedade da cidadanía e de plataformas veciñais que achegaron o seu gran de area para custear a presentación dos correspondentes recursos e a solicitude de paralización cautelar de máis dunha trintena de proxectos eólicos.
Agora, ADEGA lanza esta nova campaña #TiPodesParalos co obxectivo de acadar a anulación, primeiro cautelar e logo definitiva, do P.E. Restelo ante a Xustiza. A organización ecoloxista agradece todo o apoio recibido ata o momento e pide a colaboración para conseguir un fito máis na defensa dos montes e das xentes da Fonsagrada e dos Ancares fronte á vaga eólica.






















A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



