Foz, 18 de novembro de 2024. Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello de Foz programa unha exposición, unha concentración, un espectáculo de contacontos, unha representación teatral e unha charla.
A concelleira de Muller e Igualdade, Elena Martínez Pena, explica: “como cada 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, desde o Concello de Foz volvemos manifestar o noso constante compromiso para erradicar calquera tipo de violencia machista e transmitir á sociedade a importancia de traballar valores a prol da igualdade e o respecto polas persoas”.
A programación de actividades polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller en Foz xa comezou a inicios do mes de novembro coa exposición Mulleres de onte e hoxe, unha selección de obras da lucense Ana María Rodríguez (Anama). Esta actividade lévase a cabo en colaboración coa Concellaría de Muller e Igualdade e a Aula Universitaria da UNED de Foz. Dita exposición poderase visitar no Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA) ata o próximo 30 de novembro. “Tamén a través da arte se denuncia a lacra social que vivimos causada pola violencia de xénero, expoñendo o poder da muller de calquera tempo”, manifesta Elena Martínez.
Outro dos actos que se van levar a cabo en Foz para este 25N como apoio ás 40 vítimas dos feminicidios que se perpetraron neste ano 2024 é unha concentración e lectura do manifesto por parte da concelleira de Muller e Igualdade, Elena Martínez Pena, en colaboración con dúas compañeiras da corporación municipal que colaborarán coa mesma, o vindeiro domingo 24 de novembro ás 12:00 horas diante da Praza do Concello.
Xa o martes 26 ás 18:30 horas na Casa da Cultura Poeta Manuel María, os máis pequenos poderán gozar dun contacontos pola igualdade e contra a violencia de xénero con Aida Cobas, natural de Palas de Rei. Amosará o seu espectáculo A boneca de trapo e narrará as historias de Mara e a súa avoa Lola, que pasan moito tempo xuntas e gozan de ler, escribir e contar diferentes relatos.
Seguindo coa programación, e en colaboración coa concelleira de Cultura, Inés López Couto, o venres 29 ás 20:30 horas poderase gozar dunha xornada de teatro coa obra Invisibles, de Redrum Teatro na Sala Bahía. “Invisibles é todo o que non queremos que sexan as mulleres que sofren violencia machista. Queremos que o público desenvolva unha conciencia crítica e cuestione a realidade que nos envolve”, indica a concelleira de Muller.
E para rematar o programa de actividades deste 25 de novembro en Foz, e como novidade para este ano, levarase a cabo unha charla informativa sobre agresións sexuais e violencia sexual dirixida á mocidade, a cargo de María Angélica Mercado Torres, que se desenvolverá o vindeiro 4 de decembro ás 9:45 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura Poeta Manuel María. Na mesma participarán o alumnado de 4º de ESO de tres centros educativos: o IES de Foz, o Colexio Martínez Otero e o Colexio do Pilar.
“Hai moita desinformación polo que é fundamental reflexionar sobre este tema para facilitar ferramentas preventivas para evitar calquera tipo de violencia”, remata Martínez Pena.





















Na súa confección colaborou Óptima Cultura. A presentación será este venres, 27 de febreiro, ás 11.30 na propia Catedral.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
Coincidindo co aniversario do nacemento de Rosalía e da morte de Cunqueiro, o restaurante ribadense ofrece unha versión do Caldo de Gloria e dous pratos inspirados na obra gastronómica do mindoniense —empanada e ostras en escabeche— como forma de achegar a literatura galega á mesa.
O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.



