Malaguti adelantou aos mariñanos na primeira metade cunha gran definición e sentenciou Isma tras un roubo e un gol dende o centro do campo
Burela, 19 de novembro, 2024. O Pescados Rubén Burela continúa co seu gran rendemento en Vista Alegre e este martes asinaba a súa segunda vitoria da tempada nun encontro no que tirou de solidez defensiva ante un CA Osasuna Magna que gozou de máis ocasións, pero estrelouse ante a zaga mariñá e o meta internacional polaco Kaluza, que lograron asinar a primeira portería a cero do seu regreso a Primeira División. Con estes tres puntos, os burelistas igualan cos pamploneses na táboa e colócanse momentaneamente na décima praza.
O primeiro tempo entre mariñáns e navarros estivo moi entretido, con boas oportunidades para ambas escuadras, pero os locais tiveron un punto máis de eficacia e fóronse ao descanso por diante grazas a un tanto de Malaguti, nunha gran definición ante Asier Llamas. O primeiros cinco minutos foron unha simple toma de contacto, cos visitantes máis presentes en campo contrario, pero sen verticalidade ningunha por parte dos dous conxuntos. Os primeiros en animarse foron precisamente os pamploneses, cun lanzamento dende a dereita de Ion Cerviño que sacaba con apuros Kaluza. Despois era Dani Saldise o que remataba ao lateral da rede nun balón que se atopaba despois dunha indecisión entre Alberto e o meta polaco.
O cadro burelista respondeu a estes dous primeiros intentos do Xota cunha gran volea de Rikelme á saída dun córner que a punto estivo de coarse entre as pernas do meta navarro. Posteriormente volvía á carga o cadro visitante cun lanzamento dende fóra do ucraíno Korsun ao que respondía Kaluza cun bo pé abaixo.
Unha vez superado o primeiro tempo, o cadro burelense volvía xerar perigo a través do balón parado e dispoñía dunha tripla ocasión. Na primeira Charly remataba de volea e Asier Llamas tiña que responder con axilidade logo de que o balón golpease nun compañeiro, xerando un novo saque de esquina no que Malaguti o probaba dende fóra da área e íase rozando o pau tras tocar nun xogador visitante. O terceiro córner seguido finalizaba cun remate de Charly no corazón da área que sacaba o conxunto navarro con moitos apuros.
Eran os mellores minutos dos locais e no 13 tentábao Juninho noutra acción de estratexia, pero o seu remate pegaba na cruceta. Non perdoaría na seguinte Malaguti. O benaventano roubáballe o coiro a Ligeiro en campo propio, nunha acción na que os pamploneses reclamaron falta, e plantábase só ante Asier Llamas e batíao con calidade por baixo dun brazo.
Tras o tanto, o CA Osasuna Magna foise á carga en busca do empate no últimos catro minutos. A primeira gran ocasión tívoa Ion Cerviño nun bo balón filtrado ás costas da defensa burelista, pero o seu remate íase lixeiramente desviado. Posteriormente era Ligeiro o que o tentaba cun disparo afastado no que tiña que voar Kaluza para deter un balón que tomaba a dirección dunha das escuadras da súa portería.
No último minuto tiña unha oportunidade cada equipo. Rikelme, nun gran xiro facendo os labores de pivote, remataba abaixo e o seu disparo era despexado cos pés por Asier Llamas. A última da primeira parte era para Geraghty nun contragolpe, pero Kaluza facíase enorme para evitar o empate visitante. No inicio da acción, os locais pediran penalti sobre Alberto.
O segundo período foi un gran exercicio de resistencia do Pescados Rubén Burela FS, que se soubo defender moi ben apoiado noutra gran actuación de Kaluza e aproveitou un erro rival, ou a intelixencia do capitán Isma, para anotar o segundo tanto a menos de dous minutos da conclusión e quedar cos tres puntos.
Comezaron os segundos 20 minutos con tres córneres seguidos para o cadro mariñán, no que os laranxas estiveron preto do segundo. No primeiro despexaba Asier Llamas un lanzamento de Charly dende fóra da área, o coruñés tentábao de novo no segundo e o terceiro era un remate de Malaguti que tocaba nun defensa navarro e íase de novo rozando un dos paus da meta verde.
A partir de aí pausouse o partido durante cinco minutos e non volvería rexistrarse unha ocasión clara ata o 26, cando Pitero, á media volta, cruzaba demasiado de primeiras ante Asier Llamas. Foi un pequeno respiro durante o maior dominio dos navarros neste terceiro cuarto de partido, aínda que sen poñer en demasiados apretos aos locais. Kaluza interviña no 27 nunha falta de Ion Cerviño e xa superado o ecuador, Rikelme remataba moi desviado tras unha gran parede de Isma.
Nos dez minutos definitivos asediaron os navarros o marco galego, pero de novo volveu aparecer Kaluza. O internacional polaco metía o peito nun remate de Pachu, provocando unha contra que finalizaba Rikelme e tapaba moi ben o meta visitante. Dous minutos máis tarde, Kaluza sacaba un balón de Geraghty que se ía á escuadra tras unha xogada de estratexia.
A pouco máis de catro minutos do final, o CA Osasuna Magna apostaba polo arxentino Geraghty como porteiro-xogador e tiveron o empate nun bo movemento ao segundo pau que, en boca de gol, non era capaz de rematar Korsun e chegaba posteriormente Kaluza para apropiarse da pelota.
Isma, sendo o máis listo da clase, roubáballe o balón a Geraghty tras un saque de córner visitante e marcaba a porta baleira superando a Ligeiro cunha vaselina cando xa restaban menos de dous minutos para a conclusión. Os navarros, con pouco máis dun minuto por xogar, xa non volveron inquietar a Kaluza e a afección local celebraba o triunfo cos Pícaros.
Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS 2-0 CA Osasuna Magna
Pescados Rubén Burela FS (2): Kaluza; Isma, Alberto, Rikelme, Malaguti -quinteto inicial-, Charly, Juninho, Araya, Pitero e Quelle.
CA Osasuna Magna Xota (0): Asier Llamas; Roberto Martil, Dani Saldise, Pachu, Korsun -quinteto inicial-, Tony, Ion Cerviño, Geraghty, Ligeiro e Kokoro.
Goles: 1-0, min. 14: Malaguti. 2-0, min. 38: Isma.
Árbitros: Francisco Javier Marazuela Hernando e Sergio Toral Heredia (Colexio de Castilla e León). Amonestaron ao técnico local, David Rial, así coma Alberto, Isma e Pitero. Tamén viron a tarxeta os visitantes Geraghty e Ligeiro.
Incidencias: Encontro da sétima xornada desputada no pavillón de Vista Alegre ante uns 800 espectadores.























Destacou o seu valor como punto de encontro e motor económico e cultural da comarca. Arias puxo en valor o labor do Concello por manter eventos de referencia como a Moexmu, esta feira e a próxima Festa da Filloa, que contribúen a promover o sector agrogandeiro e a tradición galega.
A concelleira de Cultura, Ana Cartelle, destacou que “es un privilegio para Ortigueira contar con una formación de la talla de Qvinta Essençia”, e subliñou que o concerto ofrece “una oportunidad única para disfrutar de una música que en su día fue la vanguardia de las cortes europeas”. O recital propón unha viaxe pola lírica e a música do Renacemento, con obras de Guerrero, Morales ou Vázquez e textos de Garcilaso, Boscán ou Lope de Vega.
Un home perdeu a vida este xoves tras sufrir un accidente cunha res no lugar de Carelle Grande, na parroquia do Burgo (Muras). O suceso tivo lugar sobre as 19 horas, cando un familiar deu a voz de alarma ao 112 Galicia e explicou que o implicado fora aplastado polo animal. De inmediato, activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron ao punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago, e a Garda Civil. Unha vez alí, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento do home.
Con motivo desta conmemoración, o Concello anima á veciñanza a participar no Certame do Día do Libro, unha iniciativa pensada para fomentar a creatividade en todas as idades. Categorías do certame: Infantil (3-6 anos): creación dun marcapáxinas orixinal. Primaria (7-11 anos): continuación dunha historia proposta. Adultos (12+ anos): relato, anécdota familiar ou continuación da historia proposta. Data límite: 30 de abril. Envío por correo: prensa@concellodecervo.com. Envío por WhatsApp: 683 315 939
A directora, Ana Traseira, e o brand manager, Carlos García, representaron ao centro lucense, que presentou a experiencia “A comunicación: unha nova ponte cara Lugo”, recoñecida co Accésit do Consello Social da UNED 2025. O proxecto destaca pola súa aposta pola innovación, a proximidade e a mellora continua na relación coa contorna. A UNED de Lugo agradeceu a oportunidade de participar nun espazo que reforza a colaboración e contribúe a construír unha universidade máis conectada, accesible e comprometida.
Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.

