A rexedora úrxelle á Xunta de Galicia “unha solución dunha vez por todas, tanto para esta situación como para os problemas que se veñen arrastrando durante catro meses no transporte escolar e integrado do noso municipio”
Vilalba, 14 de xaneiro de 2025. A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, asegura estar “especialmente molesta e indignada” debido “aos máis de quince meses que levamos agardando para que a Xunta de Galicia solucione a situación na que se atopa a estación de autobuses do noso casco urbano”.
Ademais, a rexedora vilalbesa, Marta Rouco, explica que “a esta situación súmanse graves incidencias no transporte escolar e integrado do noso municipio que se veñen arrastrando catro meses e coas que as familias teñen que lidar cada día”.
O pasado mes de novembro, un mes despois de que a directora xeral de mobilidade da Xunta de Galicia, Judit Fontela, visitara a estación de autobuses de Vilalba, a alcaldesa Marta Rouco, solicitou unha reunión coa mesma “á maior brevidade posible, para abordar cuestións que son fundamentais para o noso Concello e os nosos veciños e veciñas”.
Non obstante, dous meses despois desa solicitude e tres meses dende que a directora de mobilidade se comprometera a estudar a situación da estación de autobuses e as dúas propostas posibles para desbloquear a situación, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, asegura que “non obtiven ningún tipo de resposta nin solución ao respecto, así como tampouco recibimos resposta á problemática do transporte escolar e integrado no noso municipio”.
Nesa liña, Rouco lembra que “o que lle propuxen á directora xeral de mobilidade foi manter as dársenas actuais, de forma que todas as empresas de autobuses acudan a elas para deixar e recoller pasaxeiros, instalar nesa mesma zona unha infraestrutura que permita aos viaxeiros resgardarse mentres agardan e habilitar un acceso aos baños”.
Ademais, para a rexedora, Marta Rouco, “é fundamental que se instale algún panel informativo coas rutas e os horarios e acondicionar a contorna”. Pola súa banda, dende a dirección xeral de Mobilidade propoñían instalar unha dársena nas inmediacións da estación, o que suporía o peche definitivo do recinto.
“Sexa unha fórmula ou outra, e agardando que se teña en conta a gran importancia do transporte público para un concello das nosas características, capitalidade de comarca e polo que pasan gran parte das rutas que discorren pola provincia, precisamos unha solución xa”, sinalou a alcaldesa de Vilalba, para quen “é moi indignante que levemos quince meses con esta situación e que a Xunta de Galicia siga na súa de castigar a Vilalba e aos vilalbeses e vilalbesas desta maneira”.
TRANSPORTE ESCOLAR E INTEGRADO
Pola súa banda, os problemas no transporte integrado do municipio seguen centrándose nas parroquias de San Simón, Vilapedre e Lanzós, nas que hai familias con mozos matriculados en bacharelato e ciclos de Formación Profesional que se vén na obriga de desprazarse cada día ata Vilalba para deixar e recoller aos seus fillos dos centros educativos.
“Unha situación que deriva da pésima xestión do transporte integrado que fai a Xunta de Galicia, quen semella que o emprega como propaganda política pero non como unha realidade para dotar ao rural de servizos de calidade”, asegura a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
Rouco explica que “defendo esta postura porque a Xunta o demostra nos pregos que rexen o servizo de transporte integrado na nosa comunidade, nos que estableceu que só se ten que ofrecer unha praza máis do número de alumnado matriculado en cursos de educación obrigatoria”. “Unha praza que ademais queda a disposición de calquera usuario que queira empregala, sen necesidade de que sexa un alumno dun centro educativo”, engade a rexedora.
Estas condicións fan que en itinerarios como o de Lanzós, no que hai un vehículo de oito prazas, do cal seis están ocupadas por alumnado da ESO, outros catro alumnos de bacharelato e FP queden sen servizo e dous poidan empregalo grazas a que a súa parada está situada no comezo da ruta. O que tampouco lles asegura que cando rematen as clases poidan volver á casa no transporte, pois serán os dous primeiros en subirse os que consigan a praza para poder volver á casa.
No caso do transporte escolar “a situación é límite, pois estamos a falar de nenos e nenas que teñen dereito ao transporte escolar e que se lles está negando”, sinala Marta Rouco.
En concreto, a situación afecta ao alumnado do CEIP Terra Chá de Román, para o cal a Xunta de Galicia habilitou unha ruta de transporte co obxectivo de incrementar as matrículas nese centro educativo. Non obstante, autorizáronse máis prazas das que ten o autobús que fai ese itinerario, o que obrigou a algunhas familias a renunciar a ese servizo “porque senón había días nos que se presentaban máis nenos a agardar polo autobús que prazas tiña o vehículo”, explica Rouco.
“Pero iso non é todo, tamén no mes de novembro fíxenlles chegar a situación dunha familia dun neno de 3 anos que se ve obrigada a esperar o autobús na beiravía da estrada e que continúan nesta situación meses despois de que se lles dera a coñecer a situación e se solicitara unha solución urxente”, concluíu a alcaldesa de Vilalba.



















Os traballos, cun orzamento de case 190.000€, afectan aos catro primeiros quilómetros da vía. Habilitaranse desvíos alternativos, que estarán debidamente sinalizados.
Foi impartida polo sumiller Alberto Vega. A Masterclass buscou aportar coñecemento, fomentar a posta en valor do produto e seguir reforzando a formación e profesionalización do sector dentro da programación de Ribadeo Sabe. Ata a Praza de Abastos se achegaron o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, a concelleira de Comercio, Marta Saiz, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez. O Ribadeo Sabe terá lugar do 14 ao 17 de maio en 22 locais hostaleiros, que ultiman os preparativos para sorprender con elaboradas e saborosas propostas.
Esta nova publicación, que fai o número 19 da colección periódica do SEVA, recolle unha parte esencial do patrimonio musical e oral do Valadouro. Os compiladores da obra son Manuel Lourenzo —xa falecido—, Isaac Ferreira e Xesús Pisón, quen contribuíron a preservar e poñer en valor este legado cultural.
De 12:30 14:00 horas no CEIP Juan Rey farán actividades e demostracións. E de 18:00 a 21:00 horas na Praza do Concello haberá unha exposición estática e mini relevos. O Concello de Lourenzá destaca que é “unha oportunidade única para coñecer de preto o labor da Garda Real. Animámosvos a participar!”.
Nesta edición, a programación céntrase na Idade Moderna en Galicia, combinando sesións teóricas no Real Seminario Conciliar de Santa Catalina con visitas guiadas por Mondoñedo e a súa comarca. O Concello destaca a excelente acollida desta iniciativa e anima a seguir promovendo actividades culturais deste nivel, posibles grazas ao compromiso da USC e ao apoio da Xunta de Galicia.
Categoría Infantil: 1º premio, Celia Blanco. 2º, Mara Blanco. 3º, Nuno Villares. Categoría Primaria: 1º premio, Laia Rodríguez. 2º, Paula Martínez. 3º, Jesús López e Samuel Riera (empate). Categoría Adultos: 1º premio, Unha receita para a felicidade, de Sonia Corral. 2º, O merodeador da néboa, de Manuel Fernández. 3º, Ou lobo ou o can, de Xolo. O Concello felicita a todas as persoas premiadas e agradece a participación de todas e todos os que fixeron deste certame unha auténtica celebración da lectura e da creación literaria.
10:00 h: Apertura do mercado e Andaina histórica por Vilaronte con Moncho Ermida (dificultade baixa). 11:00–14:00 h: Experiencia a cabalo para nen@s (de balde). 12:00 h: Actuación da Charanga Os Sureños. 14:00 h: Sesión vermú con Super Glu. 16:30 h: Contacontos “Contamos contos de lobos” – Ghazafelhos. 18:00 h: Concerto de Tapa D’Orella. Durante a mañá haberá demostración de coiro. Pulpería Suso servirá churrasco, polbo e xamón. Organiza: O Atrio Colaboran: Concello de Foz, Xunta de Galicia, Área de Cultura da Deputación, Centro AD e Fiore Tondo.



