Balseiro, Barreiro e Serrano rexistraron unha pregunta dirixida ao Goberno de Sánchez para coñecer se ten previsto algunha actuación na infraestrutura, en que consistirían as obras, en que data se realizarían e cal sería o investimento
O Valadouro, 2 de febreiro de 2025. Os senadores do PP lucense interésanse pola reforma e rehabilitación da Casa Cuartel da Garda Civil do Valadouro. Así, José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano rexistraron formalmente unha pregunta na Cámara Alta dirixida ao Goberno de Sánchez para que aclare se ten pensado realizar algunha actuación neste sentido na infraestrutura, en que consistirían as obras, en que data se realizarían e cal sería o investimento previsto.
O senador mariñán, José Manuel Balseiro, subliña que “a situación actual das dependencias non é óptima para que os axentes poidan prestar servizo nin para residir nelas e, polo tanto, esiximos unha actuación urxente ao Executivo estatal para mellorar o seu illamento térmico, pintado e redistribución dos espazos de maneira que se potencie a súa comodidade e funcionalidade”.
Os senadores do Partido Popular trasladan, deste modo, ao Goberno de Sánchez o acordo unánime do pleno municipal do concello mariñán para instar ao Ministerio do Interior a realizar as obras de reforma e rehabilitación da Casa Cuartel da Garda Civil emprazada na capitalidade municipal, Ferreira do Valadouro.