A Xunta de Goberno licitou os traballos para acondicionar a totalidade da estrada provincial LU-P-1104, que conecta os concellos de Castro de Rei e Cospeito desde Portomuiño a Momán, cun investimento que supera os 150.000€
Lugo, 28 de marzo de 2025. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres diferentes acordos que permitirán á institución provincial continuar avanzando na contratación de obras e actuacións para mellorar a súa rede de estradas. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen avanzou que a Deputación mobiliza 700.000€ para licitar e adxudicar traballos que afectarán a nove estradas ao seu paso polos concellos de Castro de Rei, Cospeito, Foz e Antas de Ulla.
“Cada venres damos conta de novos avances na contratación de diferentes actuacións para continuar rehabilitando, mantendo e mellorando a rede de estradas da nosa provincia”, valorou a Deputada. Nese sentido, apuntou que a Xunta de Goberno vén de licitar, cun investimento de 153.534,49€ as obras de mellora da estrada LU-P-1104, que é a que conecta os concellos de Castro de Rei e Cospeito desde Portomuiño a Momán.
García Porto explicou que as obras afectarán á totalidade da estrada -desde o inicio da vía ao punto quilométrico 7,624- e consistirán na reapertura de cunetas, reparación dos desperfectos no firme e repavimentación. O prazo para a execución destes traballos será dun máximo de tres meses desde o inicio das obras. “Trátase dunha actuación importante porque esta vía articula o norte do concello de Castro, dando servizo directo á veciñanza de varias parroquias e diferentes explotacións agrogandeiras”, valorou.
No que ten que ver coa mobilidade, quedaron ademais adxudicados dous contratos. En Foz, a empresa Grupo Bascuas 2008 SL será a encargada da mellora de diferentes tramos de sete estradas provinciais cun prazo de execución de tres meses e un importe total que ascende a 390.256,79€:
Entre Campón e Cordido, a Deputación acondicionará algo máis de dous quilómetros -desde o punto quilométrico 2,630 ao 4,741- da LU-P-6303 á altura de Güín.
Ademais a institución provincial actuará no total da estrada que conecta San Martiño e Foz ata Vilaxuane, a LU-P-2001 desde o inicio da vía ata o punto quilométrico 5,215. “Nestas dúas estradas actuaremos coa reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado e sinalización”, informou.
A Deputación reforzará tamén a sinalización na LU-P-2013, no tramo que dá servizo ao Colexio de Nois.
Ademais, actuará na totalidade da LU-P-2009, desde o campo de fútbol Martínez Otero a Bispo Santo por Marzán.
Mellorará un tramo de dous quilómetros ao inicio da vía que une A Cruz coa Praia de Llas, a LU-P-2006.
E tamén os 700 primeiros metros da LU-P-2011, que vai de Marzán á Praia de Llas. “Nestas tres últimas vías que acabo de enumerar, os traballos consistirán na reparación da pavimentación e a reposición da sinalización”, engadiu Pilar García Porto.
Finalmente, en Foz, a Deputación mellorará a drenaxe da LU-P-3101 desde o límite co Concello de Mondoñedo á conexión coa LU-152, desde o punto quilométrico 8,717 ao 13,024.
No concello de Antas de Ulla, a Deputación de Lugo continúa avanzando co proxecto do Parque Central de Galicia que está impulsando na parroquia de Nugallás para poñer en valor o centro xeográfico de Galicia. Nese sentido, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación das obras para o afirmado do camiño perimetral do complexo á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos SLU, cun orzamento de 143.824,71€. Os traballos contemplan o movemento de terras, as obras de drenaxe, afirmado, estendido de aglomerado en quente e sinalización mediante o pintado de marcas reflexivas brancas.
Explicou García Porto que as obras do Parque Central, nas que a Deputación inviste 1,3M€, avanzan a bo ritmo. “Xa hai depuradora e acometida eléctrica, están soterradas as liñas e esta semana ían empezar co pórtico de entrada e o templete, ademais no edificio están a poñer os remates de pedra antes de facer a cuberta”, relatou.
Programación anual de actividades nas Reservas
A Xunta de Goberno aprobou ademais a programación anual de actividades de educación e divulgación ambiental da Deputación de Lugo nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.
A proposta inclúe máis de 70 actividades, 25 obradoiros que se desenvolverán no Centro de Interpretación Terras do Miño e preto de 50 propostas que solicitaron os concellos e as asociacións que forman parte dos Órganos de Participación das dúas Reservas. “Unhas actividades que dan continuidade ás propostas que se están a desenvolver neste primeiro trimestre do ano”, explicou García Porto.
Desde o mes de abril, no Centro de Interpretación Terras do Miño, a programación continuará cun taller de artesanía en madeira con flores frescas, que se celebrará do 7 ao 11 de abril; e un obradoiro sobre métodos de propagación vexetal, do 21 ao 25 de abril. Nos meses seguintes, ata primeiros do 2026 a programación incluirá tamén outras actividades que teñen que ver coas novas tendencias en arte floral; fabricación de teares; encadernación; poda ou un curso intensivo de cerámica.
Ademais, as actividades da Reserva da Biosfera Terras do Miño complementaranse cunha xornada de cestería en Castroverde; un obradoiro de arte floral en Ourol; ou unha ruta fluvial polo río Miño.
En canto ás iniciativas que se van realizar na Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses, en Becerreá inclúese un campamento científico para nenos; unhas xornadas de xogos tradicionais na natureza ou un obradoiro de olaría tradicional. En Cervantes haberá unha actividade de astronomía e outra de ferramentas de venda online para emprendedores do rural. E en Navia de Suarna celebrarase un taller de micoloxía e outro gastronómico.
O prazo de inscricións destas actividades de balde que organiza a Deputación abrirase o 3 de abril e as persoas interesadas en anotarse poden facelo no teléfono 982 305 930 ou a través da páxina da institución: deputacionlugo.gal.




















O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.



