O papel decisivo que teñen no sector tamén se demostra a nivel gobernamental, pois o 77% do equipo directivo da propia Consellería está ocupado por mulleres
Marín (Pontevedra), 12 de marzo de 2025. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destaca que a igualdade na pesca é un obxectivo irrenunciable para o Goberno galego, pois as mulleres teñen un papel decisivo na resiliencia do sector e na cadea mar-industria. Concretamente, segundo expuxo o responsable autonómico, máis de 500 mulleres traballan na área da pesca extractiva, máis de 1.300 na acuicultura e no marisqueo a pé dos 3.174 traballadores destácase que tres cuartas partes son mulleres, é dicir, o 74,7%. Tamén no equipo directivo da Consellería 6 dos 9 membros tamén son mulleres e na industria e comercialización de produtos pesqueiros o 48,6% está representado polo xénero feminino, ascendendo esta cifra ao 53,3% no caso das compañías asociadas a Conxemar.
O titular de Mar puxo o foco no elevado peso que as traballadoras teñen no pasado, presente e futuro da actividade vinculada a pesca durante o II Certame Artístico “Mujeres del mar, inspiradoras de arte”, organizado pola Organización de Produtores de Pesca de Marín (Opromar).
Dende hai cinco anos armadores marinenses poñen en marcha diferentes iniciativas destinadas a este fin. En 2025 impulsan a segunda edición deste certame que converte á Alameda marinense nun gran obradoiro de pintura ao aire libre, onde unha vintena de artistas plasman nos seus lenzos a esencia e a fortaleza das mulleres do mar. A madriña do evento é Eva Casais, cuxa traxectoria se caracteriza por un forte compromiso co feminismo e a xustiza social. Así, a través da súa obra, aborda cuestións de desigualdade e reivindicación de dereitos, participando en numerosas iniciativas artísticas con impacto social.
As creacións realizadas, e visitadas hoxe por Alfonso Villares forman parte da exposición que abriu as súas portas o pasado día 8, coincidindo co Día Internacional da Muller, no museo Manuel Torres de Marín.
Máis de 30 empresas
Opromar aglutina a máis de 30 empresas pesqueiras con buques especializados nas modalidades do arrastre, palangre e cerco, que faenan nos caladoiros do Cantábrico Noroeste, Portugal, terceiros países ao abeiro de acordos internacionais de pesca, Atlántico Norte, Atlántico Sur, Índico, Pacífico Oeste e Pacífico Leste. As especies obxectivo dos arrastreiros son a pescada negra, o lirio, o xurelo e a xarda. No caso dos palangreiros, o peixe espada e a quenlla. Pola súa banda, os cerqueiros e palangreiros de fondo dedícanse preferentemente á sardiña, á anchoa, á xarda e ao xurelo.






















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



