“Imos dar a batalla política, democrática e, se fai falta, legal contra o proxecto”
Santiago de Compostela, 14 de marzo. “Consúmase a traizón de Rueda a Galiza”. Así se referiu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, á publicación do informe de impacto ambiental para a instalación en Palas de Rei da macrocelulosa de Altri, unha “decisión política que se viste de carácter técnico” coa que o Goberno do PP dá un paso adiante para colocar no corazón de Galiza “unha bomba ambiental que pon en risco non só 8.000 postos de traballo de xente que vive do mar e da terra tanto na comarca da Ulloa como na ría de Arousa, senón tamén o desenvolvemento económico do noso País”.
Pontón considerou que a forza da xente aínda pode frear a macrocelulosa e avanzou que dende o BNG “imos dar a batalla política, democrática e se fai falta legal” contra unha agresión a Galiza que ten poucos precedentes. É por iso que, en declaracións aos medios tras unha visita á Universidade de Vigo, aproveitou para facer unha chamada á mobilización social contra un proxecto contaminante que, lonxe de beneficiar o País, supón unha “hipoteca para o noso futuro”
“Este é o momento da cidadanía para dicir alto e claro que en Galiza queremos industrias sostibles e que, polo tanto, non podemos avalar que se nos impoña unha macrocelulosa contaminante no corazón do noso medio rural, que non queremos deixar hipotecas aos nosos fillos e as nosas fillas”, proclamou.
Pontón dirixiuse tamén ao Goberno do Estado para que sexa “claro e rotundo” e non deixe que unha industria contaminante como a que queren instalar en Palas de Rei reciba nin un só euro de cartos públicos, “e moito menos —precisou— os 250 millóns de euros dos Fondos Next Generation que o Executivo de Rueda pide para Altri, unha empresa vinculada a cargos do Partido Popular”.
Máis unha vez, a líder do Bloque reclamou ao presidente da Xunta que rectifique e que poña os intereses de Galiza por riba dos intereses das empresas amigas do Goberno do PP, ao que reprochou o seu papel como comercial de Altri para instalar en Galiza unha celulosa que non queren en Portugal, “como se os galegos e as galegas tivésemos que soportar as industrias contaminantes que os demais non queren”, subliñou.
A portavoz nacional declarou, por outra banda, non estar sorprendida pola publicación do permiso ambiental para que a multinacional lusa poida continuar co procedemento para instalar a macrofábrica posto que a propia empresa fixo o anuncio hai xa semanas, deixando claro a total complicidade co PP.
“Desde o primeiro momento o PP avalou este proxecto”, agregou, lembrando que “a propia conselleira de Industria, antes de se coñecer o proxecto, dicía xa que era redondo desde o punto de vista da sustentabilidade e que, polo tanto, tiña todos os parabéns de Galiza”. Logo virían, condenou, “toda unha serie de actuacións destinadas a chegar ata este punto”, dixo aludindo ao informe publicado hoxe, “un día triste” no avance dunha “agresión moi similar dende o punto de vista medioambiental á que no seu día foi o Prestige”.
“En Galiza queremos industrias tecnolóxicas, vangardistas e de futuro baseadas na ciencia e na innovación, no respecto ao medio ambiente, e non industrias contaminantes como as que nos quere impoñer o PP seguindo o mesmo modelo industrial do franquismo”, concluíu.






















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



