A formación nacionalista volverá levar a pleno estas deficiencias
A Pastoriza, 28 de abril de 2025. O Bloque Nacionalista Galego da Pastoriza vén de rexistrar unha nova queixa pola grave situación que atravesa a piscina municipal, un servizo público esencial que sofre o abandono continuado por parte do goberno local do Partido Popular. As deficiencias son múltiples e afectan de forma directa ao benestar e á seguridade das persoas usuarias.
Unha das queixas máis recorrentes é a baixa temperatura da auga e do recinto, que dificulta e incluso impide o uso normal da instalación, especialmente no caso das persoas maiores ou con necesidades especiais. Tamén os vestiarios carecen dunha temperatura adecuada.
Ademais, “constatamos que a maior parte das máquinas do ximnasio están fóra de servizo, a pesar de que, tras unha anterior denuncia do BNG, o alcalde prometera renovar parte da maquinaria. Esa renovación segue sen chegar, e o desdeixo das instalacións continúa avanzando”.
“Outro feito grave é a ausencia da folla de limpeza asinada polo persoal, documento que debería estar visible por cuestións de transparencia e control da hixiene. A pesar de que os pregos de contratación da nova concesión, asignada á empresa Clece, recollían unhas condicións mínimas de presenza de persoal que non se están a cumprir”.
“A maiores, queremos denunciar unha nova medida imposta, que obriga ás persoas usuarias a deixar o calzado no pasillo de entrada. Non parece moi correcta nin dentro da legalidade esta nova medida. Para tal esixencia debería haber taquillas para gardar o calzado”.
“Resulta antiestético e pouco decoroso atoparse cos zapatos nun vestíbulo polo que temos que pasar todos; isto é como se fósemos a un supermercado ou a outro establecemento público e tivésemos que cambiar os zapatos á entrada”.
“E o que é aínda máis grave é que as plaquetas do vestíbulo non son antideslizantes, polo que ao saír coas chanclas molladas poden ser pouco seguras e supoñer un risco de esvaróns”.
O BNG considera esta situación totalmente inadmisíbel e esixe explicacións urxentes ao alcalde, así como medidas inmediatas para garantir unhas instalacións dignas, seguras e axeitadas para o uso público. Os servizos públicos non poden seguir sendo vítimas da propaganda e da desidia do Partido Popular.