Os veciños teñen á súa disposición un servizo de recollida de residuos voluminosos
Viveiro, 4 de abril de 2025. No compromiso por manter unha vila limpa e preservar o medio ambiente, o Concello de Viveiro lembra a obriga de depositar os residuos nos puntos habilitados a tal fin. A alcaldesa Mariña Gueimunde sinala que «os veciños deben empregar o Punto Limpo e as empresas están obrigadas a xestionar os seus residuos mediante xestores autorizados».
Mariña Gueimunde lamenta a aparición de puntos de vertido nas zonas rurais e, tamén, de restos de poda na parcela das Nogueiras, que foi rexenerada hai poucas semanas.
A nova Ordenanza de Convivencia, Limpeza e Residuos establece sancións en función da gravidade da infracción. Estas poden ser leves (de 50 a 750 euros de multa), graves (de 751 a 1.500 euros) e moi graves (de 1.501 a 3.000 euros).
Para facilitar a xestión responsable dos residuos, o Punto Limpo de Patarrosa-Escourido ten o seguinte horario de apertura:
Luns de 8.00 a 14.00 e de 15.00 a 19.00 horas.
Martes e xoves de 9.00 a 13.00 e de 15.00 a 19.00 horas.
Mércores e venres de 8.00 a 14.00 horas.
Sábado de 10.00 a 13.00 horas (o cuarto sábado de cada mes a instalación permanece pechada).
Punto de recollida de residuos voluminosos
O Concello de Viveiro tamén dispón dun servizo de recollida de residuos voluminosos como mobles ou electrodomésticos. As persoas interesadas poden solicitalo no número de teléfono 697 162 637.