O medo como arquitectura de Estado
Donald Trump leva anos insistindo nunha idea tan simple como explosiva: a inmigración non é un reto, é unha guerra. E cando declaras guerra, xa non precisas matices; precisas inimigos. A diferenza entre “aplicar a lei” e “dar un escarmento” volvese difusa, e a democracia comeza a funcionar como unha sala con pouca luz: sempre hai alguén que manda, sempre hai alguén que cala.
O que vimos recentemente en Minnesota é un exemplo perfecto dese método. Segundo informou Axios, a Casa Branca deu por rematada a chamada “Operation Metro Surge”, un despregue de dez semanas no que se mobilizaron arredor de 2.000 axentes federais e se practicaron máis de 4.000 arrestos. O operativo provocou unha onda profunda de medo comunitario, acusacións de tácticas indiscriminadas e unha consecuencia política que debería preocuparnos a todos: segundo varios medios, dúas persoas cidadás estadounidenses morreron en episodios relacionados coa presenza e actuación de axentes federais durante esa escalada.
Cando un Estado acepta que a súa política pública pode producir ese tipo de efectos e aínda así insiste en celebrala como “éxito”, xa non fala de seguridade: fala de control social. O problema non é só a dureza. O problema é que o medo se converte en infraestrutura. E a infraestrutura, cando se instala, custa anos desmontala, porque impregna de corrupción e de status quo toda a estructura do estado.
Cando o relato oficial rompe
Hai un momento en que a propaganda falla. E nese momento, toda a arquitectura e marcos de xogo tremen.
Reuters recolleu un caso que é unha fotografía do que está pasando: o Departamento de Xustiza moveuse para arquivar os cargos contra dous homes que foran acusados de agredir a axentes do ICE tras un tiroteo en Minneapolis. A versión inicial difundida por autoridades federais presentaba o episodio como un ataque con obxectos (unha pa de neve e unha vasoira) e como unha resposta defensiva. Pero novas declaracións do FBI, incorporadas ao procedemento, contradín esa narrativa e apuntan a que os axentes perseguiran á persoa equivocada tras un escaneo de matrícula, e que cando se fixo o disparo os sospeitosos xa estaban a retirar os obxectos e a afastarse.
Isto é máis ca un “erro operativo”. É a proba de que o sistema precisa un relato heroico permanente para xustificar a escalada, que é falso e intencionado. Precisa que a sociedade crea que todo foi inevitable. E cando se demostra que non o foi, queda ao descuberto o que realmente se estaba facendo: actuar primeiro e explicar despois, como en antigos episodios da historia.
Un Estado de dereito non pode depender de que un vídeo apareza, de que un xornal investigue, ou de que un xuíz teña tempo e coraxe para poñer o foco. Se a verdade chega sempre tarde, entón o dano xa foi.
A fronteira como método
O trumpismo quere unha cousa moi concreta: que a fronteira deixe de ser xeografía e pase a ser unha categoría de sospeita. Non importa onde vivas; importa como te miran. Non importa canto tempo levas traballando; importa se encaixas no perfil do “interrompible”.
E isto xa está a ser consolidado por vías xurídicas. O 6 de febreiro de 2026, un panel dividido do Tribunal de Apelacións do Quinto Circuíto publicou unha decisión (caso Buenrostro-Mendez v. Bondi, entre outros) que avala unha interpretación que expande a detención obrigatoria, sen audiencia de fianza, para persoas que entraron sen inspección e son tratadas como “solicitantes de admisión” para efectos de detención. En termos humanos: convertes a vida dunha persoa nun parágrafo, e ese parágrafo pesa máis ca a súa familia, o seu traballo, o seu arraigo a súa aportación á Nación de acollida.
O resultado é unha fronteira portátil. Unha sombra que se proxecta sobre colexios, igrexas, xulgados e barrios enteiros. The Guardian describiu como esa dinámica transformou suburbios de Minnesota en zonas de conflito e medo, con absentismo escolar disparado e redes comunitarias operando case na clandestinidade. A mensaxe é diáfana: non é só deter. É educar polo susto, controlar o relato e instaurar unha nove orde oligarca.
Orzamento para deter, non para xulgar
Toda política revela a súa verdade no orzamento. E a verdade aquí é brutal.
Segundo unha análise do Council on Foreign Relations, en xullo de 2025 Trump asinou unha lei de reconciliación coñecida como “One Big Beautiful Bill” (OBBBA) que achega aproximadamente 170.000 millóns de dólares a control fronteirizo e aplicación interior durante catro anos. A cifra inclúe, entre outras partidas, 45.000 millóns para ampliar capacidade de detención do ICE, arredor de 30.000 millóns para contratar novos axentes e máis de 46.000 millóns para construción de muro.
Agora fágase a pregunta sinxela: se metes cantidades históricas en deter, pero mantés un sistema xudicial migratorio saturado e lento, que estás a construír? Unha solución? Ou unha trituradora?
Máis man dura para arrestar e máis colapso para resolver. Máis titulares e menos garantías. Máis celas e menos debido proceso. Esa é a ecuación: non unha política migratoria, senón unha política de intimidación, onde a detención convertese nun castigo en si mesma.
Cando os estados levantan unha barreira legal
Hai un síntoma que non falla: cando os propios estados comezan a protexer os seus espazos como se o federal fose un risco.
En Nova Jersey, a gobernadora Mikie Sherrill asinou unha orde executiva que prohibe aos axentes de inmigración acceder a zonas non públicas de propiedades estatais se non levan orde xudicial, e impide que utilicen instalacións do estado como bases operativas. The Guardian recolleu a medida, xunto coa creación dun portal para que a cidadanía suba vídeos e probas de actuacións de inmigración para seren revisadas pola fiscalía do estado.
Non estamos ante un xesto folclórico. Estamos ante un recordatorio do esencial: a orde xudicial non é un trámite; é a fronteira real entre o poder e a vida privada. Se a orde xudicial estorba, é que o poder se acostumou a mandar sen pedir permiso. Cando un goberno ten que recordarlle ao outro que existen garantías, algo xa está roto.
E Galicia que pinta aquí?
Galicia non é allea a isto, nin debería mirar para outro lado como quen ve un incendio na outra ribeira do océano.
Nós sabemos o que é marchar. Está nos apelidos repartidos polo mundo, nas fotos antigas diante de fábricas que non eran nosas, nas cartas que chegaban tarde e nos silencios das familias. Por iso debería parecernos especialmente obsceno que unha sociedade que presume de liberdade converta a mobilidade humana nunha escusa para humillar.
Non se trata de negar que existan normas. Trátase de decidir como se aplican: con humanidade ou con humillación. Con garantías ou con arbitrariedade. Co sentidiño que se lle pide a unha democracia ou coa épica barata dun mitin.
Trump e o ICE, cando operan así, non están a “ordenar” nada. Están a producir unha cultura política onde a excepción é rutina, e onde o medo é un imposto que pagan sempre os mesmos. Os galegos debemos loitar contra iso. A democracia non se defende con máscaras nin con postureo. Deféndese con límites, con control e con responsabilidade.
Se un operativo pode detonar un clima social que remata en mortes, se a versión oficial pode desmontarse por contradicións nos feitos, se os estados teñen que blindar espazos públicos esixindo orde xudicial, e se o orzamento histórico vai a deter e non a garantir xuízos xustos, entón non estamos ante unha política migratoria: estamos ante un método de poder.
E iso é o que hai que dicir sen tremor na voz: un Estado que se acostuma a actuar primeiro e xustificar despois é un Estado que se está a afastar do dereito e achegándose ao medo.
Non hai patriotismo nisto. Hai cálculo electoral e unha aposta polo control social. E por moito que se venda con bandeiras, a historia sempre remata do mesmo xeito: primeiro van por “eles”, despois xa veremos quen entra no seguinte “perfil de risco”.
Os principios non son un adorno. Son a última defensa cando o poder decide probar ata onde pode chegar.



















Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.
O responsable provincial destacou "o traballo realizado pola organización ao longo destes anos para consolidar unha proba deportiva de primeiro nivel, que atrae tanto deportistas do máximo nivel competitivo como participación popular"
O grupo teatral O Centiño de San Martiño (Foz) actuou este sábado en Marzán, convidado pola asociación veciñal Torques de Marzán. O local quedou pequeno ante a resposta do público: 73 persoas, un récord de asistencia para unha obra de teatro na parroquia. A comedia provocou constantes risas e un ambiente moi participativo. A iniciativa volve demostrar o valor de levar actividade cultural e teatro afeccionado ás parroquias e barrios, achegando propostas escénicas a lugares afastados dos grandes circuítos. O Centiño continuará a xira de “O Autobús” nas vindeiras semanas: Sábado 25 de abril: Vilaronte (Foz). Sábado 2 de maio: Casa da Cultura de Trabada
A xornada contou con degustación gratuíta de viños elaborados por adegas da contorna, unha cata comentada e un mercado de produtos gastronómicos locais, permitindo aos asistentes coñecer de primeira man a riqueza do produto de proximidade. O pregón desta edición correu a cargo de Alejandro Gándara, quen presentou o seu proxecto audiovisual 360 curvas, unha obra que reflexiona sobre a distancia entre A Fonsagrada e Lugo e sobre o conflito social e político asociado á perda da súa condición de cabeceira de comarca, no marco da loita contra a despoboación.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
A cita contará con charlas, obradoiros, concurso de fotografía e unha ampla zona expositiva. A feira será de acceso gratuíto e está pensada para gozar en familia.



