A adhesión ao protocolo subscrito coa FEGAMP permitiría obter vantaxes como simplificación administrativa, incentivos fiscais o favorecer a implantación de novas iniciativas empresariais
Viveiro, 31 de maio de 2025. A Alcaldía de Viveiro proporá no Pleno do mércores 4 de xuño a integración do concello na iniciativa de Concello Emprendedor, conforme ao protocolo subscrito coa FEGAMP. A adhesión ten efectos vantaxosos como a simplificación administrativa, incentivos fiscais ou o impulso á implantación de novas iniciativas empresariais no municipio.
O feito de ser Concello Emprendedor tamén outorga puntuación adicional nas subvencións públicas ás que se aspire. Para acadar a adhesión, o Concello de Viveiro xa iniciou os trámites requiridos.
Entre estes requisitos figuran a modificación das ordenanzas fiscais reguladoras do Imposto sobre bens inmobles (IBI), do Imposto sobre actividades económicas (IAE) e, se procede, do Imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO).
Ademais, o acordo inclúe varios compromisos municipais orientados á implantación e fixación de empresas, á simplificación administrativa e ao apoio á reactivación económica:
– Resolver nun máximo de 30 días naturais as solicitudes de licenza de obra para primeira implantación dunha actividade ou á ampliación das instalacións existentes, sempre que a documentación e os informes preceptivos estean completos.
– Establecer bonificacións nos prezos das parcelas de solo empresarial de titularidade municipal.
– Incorporar e ofrecer ás empresas a posibilidade de recorrer á figura xurídica do dereito de superficie conforme á Lei do Solo e Rehabilitación Urbana.
– Recoñecer o carácter prioritario destes trámites e aplicar a tramitación urxente prevista na Lei 5/2017.
– Levar a cabo revisións normativas dirixidas á boa regulación e á simplificación da normativa municipal que afecte á implantación das empresas, eliminando cargas administrativas innecesarias.
O Concello de Viveiro xa levou a cabo a modificación das ordenanzas fiscais municipais, tal e como recolle o acordo plenario do 6 de novembro de 2024, co fin de incorporar bonificacións no Imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), Imposto sobre bens inmobles (IBI) e Imposto sobre actividades económicas (IAE).