A Coruña, xoves 1 de maio de 2025. A Asociación Galega de Escritores e Escritoras (AGER), en colaboración co espazo cultural La Conservera, organiza o vindeiro sábado 3 de maio ás 16:30h o evento “Camiños da palabra: o proceso creativo”, unha xornada dedicada á presentación de libros e coloquio sobre os procesos creativos na escritura, aberta ao público e con entrada libre.
O encontro terá lugar nas instalacións de La Conservera, en Viveiro, e contará coa participación de sete autoras e autores membros da AGER, que compartirán co público as súas experiencias, metodoloxías e visións arredor da creación literaria. A programación inclúe unha sesión de presentación e coloquio con Teresa Cameselle, Andrea Cristina Ramallo e Mayte Cobillón, precedida dunha rolda de presentacións a cargo de John Sullivan, Javier Regueira, Eva María Vega e Isabel Ramos.
Ademais das intervencións, o público asistente terá a oportunidade de adquirir libros das autoras e autores participantes e solicitar sinaturas ao remate do coloquio.
Con esta iniciativa, AGER reafirma o seu compromiso coa promoción da literatura galega contemporánea e coa visibilización do traballo das autoras e autores que conforman o tecido cultural do país.