Adxudicadas tamén diferentes actuacións noutras 7 estradas da nosa provincia ao seu paso por Begonte, Friol, Lugo, Outeiro de Rei, Vilalba e Antas de Ulla: a LU-P-0802, LU-P-2905, LU-P-3903, LU-P-3904, LU-P-5101, LU-P-6508 e LU-P-0301
Lugo, 16 de maio de 2025. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo celebrada este venres avanzou na contratación de diferentes traballos de mellora da rede viaria provincia por case 1M€. En concreto, deu luz verde a un convenio co Concello de Palas de Rei para o arranxo e cesión de 800 metros da LU-P-2901; aprobou a licitación da mellora de 4 estradas ao seu paso polos concellos do Saviñao, Pantón, Sarria e Monforte de Lemos; e adxudicou os traballos de 7 estradas ao seu paso por Begonte, Friol, Lugo, Outeiro de Rei, Vilalba e Antas de Ulla.
Así o informou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, tras a sesión celebrada desta mañá. Explicou que, por unha banda, acordaron aprobar un convenio co Concello de Palas de Rei para arranxar e ceder un tramo urbano da LU-P-2901 que conecta este municipio con Lugo. Trátase, en concreto, do último tramo da vía, nos algo máis de 800 metros que percorren o núcleo urbano de Palas de Rei, desde o cruce coa N-547 ata o final da ría Agro do Rolo, desde o quilómetro 35,180 ao 35,996.
“Nas vindeiras semanas licitaremos os traballos de arranxo deste tramo da vía cun investimento de 94.774€”, avanzou o Deputado, quen detallou que as obras consistirán na mellora da drenaxe, afirmado e a sinalización. “Sabedes que a colaboración cos concellos é un dos piares da acción deste Goberno e neste caso atendemos a unha necesidade que tiña esta Administración local”, valorou. Este tramo da LU-P-2901 vertebra Palas de Rei con diferentes negocios e servizos.
Novos investimentos en 4 estradas
Ademais, a Xunta de Goberno tamén aprobou un novo investimento de máis de 200.000€ para a mellora de 4 estradas ao seu paso polos concellos de Sarria, Pantón, Monforte de Lemos e O Saviñao. Por unha banda, sacou adiante a licitación dun proxecto para a rehabilitación do firme da LU-P-5712, que é a vía que une en Sarria Barbadelo e Vilei. Os traballos terán un orzamento de 85.779,71€, un prazo de execución de dous meses e afectarán á totalidade da vía. “Unha actuación importante para a veciñanza que vive nestas entidades de poboación ás que separa pouco máis dun quilómetro”, valorou o Deputado, que concretou que as obras consistirán na reapertura de cunetas, afirmado co estendido aglomerado en quente, pintado da vía e reposición da sinalización vertical.
E doutra banda, a Xunta de Goberno licitou un proxecto para a rehabilitación do firme de diferentes tramos de tres estradas provinciais na confluencia dos concellos do Saviñao e Pantón cun orzamento de 118.891,78€. Concretamente:
A mellora de preto dun quilómetro da LU-P-4102, que é a que vai de Ferreira a Currelos desde a Nacional 120 a autonómica LU-611, á altura de Escairón. E nesa mesma vía reporase a sinalización desde o límite intermunicipal e a altura da Páxara, no cruce co corredor.
Rehabilitarase tamén por tramos a LU-P-3202, de Monforte a Currelos e a LU-P-3208 de Seoane a Pol por Cinsa, en Monforte. As obras consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación e pintado das vías, terán un prazo de execución de tres meses e son vías importantes para as comunicacións da Ribeira Sacra.
Adxudicación das melloras en 7 vías
A Xunta de Goberno deu tamén luz verde á adxudicación das obras de mellora noutras 7 estradas da nosa provincia ao seu paso por Begonte, Friol, Lugo, Outeiro de Rei, Vilalba e Antas de Ulla. En primeiro lugar, a empresa Cholo SL encargarase dun proxecto de mellora de diferentes tramos de cinco desas estradas provinciais por 316.723,37€. En concreto do acondicionamento:
– Da práctica totalidade da LU-P-0802, que conecta Begonte e Santalla.
– Da LU-P-2905 completa, desde Ombreiro a Aspai.
– Tamén da LU-P-3903 completa. Esta é a vía que vai de Santo Estevo a Donalbai.
– A LU-P-3904, na súa totalidade, desde Xueus a Feira de Gaioso.
– E a práctica totalidade da LU-P-5101, que é a que une Rábade e Friol.
Os traballos en todas estas vías consistirán na reapertura de cunetas, reparación de desperfectos e repavimentación. O prazo de execución para todas as obras é de 4 meses desde o seu inicio. “Un proxecto moi importante porque virá a mellorar de xeito significativo as comunicacións na confluencia dos concellos de Begonte, Friol, Lugo e Outeiro de Rei”, valorou Rivera Capón.
Tamén á empresa Cholo SL quedou adxudicado, no concello de Vilalba, outro proxecto para rehabilitar preto de tres quilómetros na LU-P-6508, que é a estrada que conecta os lugares de Vilate e Ribado, na parroquia de San Martiño de Lanzós. Os traballos, cun prezo de 59.300,46€, afectan á metade da vía, no tramo final da mesma. En concreto, as obras comezarán no quilómetro 2 e consistirán na reapertura de cunetas, o saneo da explanada, reparación de desperfectos e repavimentación.
O prazo de execución será de un mes desde que comecen os traballos e “neste caso é unha actuación importante para o concello chairego porque esta é unha das parroquias máis grandes do municipio, na que viven preto de 500 veciños e veciñas e que conta con diferentes puntos de interese como a Casa-Escola de Lanzós, o castro do Adro, ou a capela de San Andrés”, subliñou o Deputado.
En Antas de Ulla á empresa Leonardo Miguélez SL resultou adxudicataria dun proxecto para mellorar case a metade da LU-P-0301, que une a vila de Antas co límite da provincia de Pontevedra, por Rodeiro. Os traballos, cun prezo de 131.560,88€, afectan ao último tramo da estrada -do punto quilométrico 3,657 ao 6,527- e consisten na reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización. O prazo de execución será de un mes e a actuación dará continuidade aos traballos que está a realizar a Deputación no tramo anterior da vía, que é o que dá acceso ó Parque Central de Galicia en Nugallás, con preto de medio millón de euros.
Emprego público na Deputación
Ademais dos asuntos que teñen que ver coa mobilidade, na reunión celebrada este venres quedou aprobada a convocatoria e as bases específicas para 3 prazas públicas, unha de enxeñeiro ou enxeñeira, outra de técnico superior de informática; e unha terceira de técnico superior deportivo. Os tres procesos realizaranse mediante concurso-oposición libre e as bases sairán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) previsiblemente a vindeira semana.