O delegado territorial, Javier Arias, informou de actuacións executadas nos últimos meses no municipio co financiamento do Goberno galego
Lourenzá, 2 de maio de 2025. A Xunta de Galicia impulsou nos últimos meses obras de mellora de infraestruturas públicas en Lourenzá achegando un investimento de 135.000 euros, segundo informou hoxe o delegado territorial de Lugo, Javier Arias.
En concreto, financiou integramente a creación dunha área de autocaravanas na zona verde do Ranchito e o acondicionamento dos camiños de acceso a Telleira, Souto Vello e O Chantado, e asumiu o 70% do orzamento de reforma dos parques infantís da Gracia e Santo Tomé.
O delegado visitou a nova área de autocaravanas, á que se destinaron 30.000 euros ao abeiro do programa de Turismo de Galicia para infraestruturas turísticas en concellos de ata 10.000 habitantes. Sitúase nunha parcela duns 744 m2 e conta con catro prazas de aparcadoiro, mobiliario urbano e as necesarias instalacións de auga, saneamento, iluminación e enerxía eléctrica.
O Plan de mellora de camiños de titularidade municipal da Consellería do Medio Rural permitiu actuar sobre 2,6 quilómetros de pistas cun orzamento de case 69.000 euros. A intervención de maior calado foi a de Telleira, onde se arranxaron 1,2 quilómetros; corrixíronse as deformacións antes de estender o pavimento -nos primeiros 600 metros con tripla rega asfáltica-, limpáronse as gabias e colocáronse sinais de Stop. Realizáronse intervencións similares en 892 metros de acceso a Souto Vello e 467 metros no Chantado.
Así mesmo, a liña de axudas para a mellora de infraestruturas de uso público da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes facilitou 36.100 euros para as obras nos citados parques infantís, que incluíron a colocación de pavimento de caucho e a renovación de columpios e xogos.
Javier Arias sinalou que a Xunta “colabora cos concellos para reforzar as dotacións e servizos públicos no rural como base para fixar poboación, favorecer a actividade económica e atraer turismo, entre outros obxectivos”.