Abadín, 16 de maio de 2025. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe en Abadín na presentación da terceira edición do festival cultural Rumboia Viva, que se celebrará na localidade o 28 de xuño e conta co apoio da Xunta de Galicia.
Arias gabou o traballo da asociación xuvenil A Rumboia para artellar unha programación que “pon en valor o talento dos grupos e artistas galegos, e actúa como elemento dinamizador do turismo e da economía local”. Están confirmados, entre outros, o dúo folk Abril, Aiko El Grupo, De Ninghures, Rebeliom del Inframundo, DJ Rapante ou o grupo local Batifoula. Ademais, haberá mercado de artesanía, xogos infantís, obradoiros e outras actividades como unha cata de viños.
O acto de presentación converteuse tamén nunha conmemoración do Día das Letras Galegas, coa proxección do documental “Lévame a idea”, un recoñecemento ás creadoras e divulgadoras da música de tradición oral galega ás que se adica este ano a efeméride. Acudiron como invitados alumnos e alumnas do CEIP Aquilino Iglesia Alvariño e usuarios do Centro de Día da localidade.