Burela, 8 de maio, 2025. Este sábado 10 de maio, a partir das 20 horas, o centro social Xebra –en Burela– proxectará o documental ‘Onde está o Zeca?’. A peza, dirixida por Tiago Pereira e Abel Andrade, explora o legado do Zeca Afonso na cultura e música portuguesas. O filme, estreado no Festival Política de Brega en 2024, chega á Mariña após unha xira de presentacións por Lugo, Amoeiro, Ourense e Ferrol. A actividade, que contará cun coloquio posterior, é de balde até completar aforo.
Pereira é produtor, diretor de cinema e, tamén, a cabeza detrás do proxecto ‘A Música portuguesa a gostar dela própria’, unha plataforma audiovisual adicada a documentar e difundir as prácticas e manifestacións musicais da cultura popular portuguesa na actualidade. “Quen fai música e cancións alén de autor ten o seu contexto, o seu percurso, as súas orixes e as súas ideas”, contan do proxecto os seus creadores. Por iso, o filme procura estes autores e autoras en quen o Zeca deixou pegada e, hoxe, nutren a música dos nosos días. “É unha reflexión sobre o que fica do Zeca na música portuguesa e da importancia do colectivo para a música, mais tamén sobre a transformación das letras na música popular, da perspectiva de xénero…”, contan desde a organización.