Ribadeo, 15 de maio de 2025. Ribadeo investiga unha vertedura ilegal nunha finca propiedade do Concello.
A concelleira de Seguridade, Montse Seijo, contou que “o pasado 25 de abril detectamos un vertido ilegal nunha finca propiedade do Concello, onde hai depositada uralita e outros vertidos. Inmediatamente se activou o protocolo legal, é dicir a Policía Local desprazouse ao lugar dos feitos e posteriormente unha patrulla do Seprona, iniciando as actuacións legais”.
A edil ribadense explicou que “a Policía Local, en colaboración coa Garda Civil, e o concelleiro de Medio Ambiente, Diego Dos Santos, están facendo traballos de investigación para poder identificar ao posible ou posibles autores dos vertidos”.
Seijo engadiu: “esta investigación segue aberta. Dende o Concello xa nos puxemos en contacto cunha empresa autorizada para a retirada da uralita. E ao mesmo tempo procederemos á limpeza e adecentamento da finca”.