Cris Lourés e Emilly lideraron a goleada laranxa con tres goles cada unha
Burela, 9 de maio, 2025. O Burela FS impúxose con moita autoridade ao Gran Canaria FSF Teldeportivo (11-4), nun encontro valedoiro para a vixésimo oitava xornada da Primeira Iberdrola FS. As burelistas demostraron desde o primeiro segundo a diferenza de nivel entre os dous persoais -as canarias xa descenderon de forma matemática- e asoballaron durante moitos minutos do encontro ás de Cristina Gimeno.
O primeiro tempo foi un auténtico monólogo do conxunto local, que encerrou ás canarias no seu campo e someteu a un asedio constante á porta de Vero, que sufría para taponar a sangría de oportunidades que había sobre o seu marco. A primeira en avisar foi Emilly cun potente disparo no minuto 2 e no 4 xa chegaría o primeiro da noite, nos pés de Cris Lourés, que non desaproveitaba un balón no segundo pau para bater á porteira amarela. A de Narón volvía ver porta poucos segundos máis tarde cando superaba de novo a Vero cun bo disparo cruzado.
O Burela non baixou o ritmo a pesar dos goles e no minuto 7 Cami atopábase coa madeira nun lanzamento desde uns 9 metros. Mentres, o primeiro achegamento visitante chegaba no minuto 9 a través dun tiro desde a distancia de Myrielen que blocaba sen problemas Ana Eliza. Terían a súa mellor ocasión as de Cristina Gimeno tres minutos máis tarde, nun man a man de Colado que taponaba moi ben Ana Eliza. Antes, Cris Lourés tivera o terceiro do seu equipo e da súa conta particular nun lanzamento moi perigoso que despexaba Vero.
No 12 chegaría o terceiro das mariñás a través de Emilly. A mellor do mundo recibía nunha boa posición dentro da área e non perdoaba cun disparo axustado que pegaba no pau e íase para dentro. O cuarto, tamén obra de Emilly, non tardaría en chegar tras un roubo na área contraria de Patricia, que cedía para que anotase a da Ilha das Valadares.
O asedio laranxa seguía cun disparo cruzado de Dinha que se atopaba co pau e non perdoaba despois a brasileira cun tiro que se lle coaba entre as pernas a Vero. A tres minutos do descanso apostaba Teldeportivo polo xogo de cinco con Unami de porteira-xogadora e esta decisión taponaba un pouco a sangría de oportunidades a favor do cadro local. Unami, con todo a favor soa no segundo pau, tivo o primeiro para as insulars, pero o seu remate foise ao lateral da rede. Xusto antes do descanso, a seis décimas do bocinazo final, chegaba o sexto das locais, nun disparo parabólico desde campo propio de Antía Pérez.
A segunda entrega tamén foi dominada amplamente polas mariñás e as grancanarias, que seguiron apostando por xogar con porteira-xogadora durante varias fases do período, aproveitaron o tramo final para maquillar un pouco o resultado e irse de Vista Alegre con varios tantos na súa marcadora particular.
Cris Lourés marcaba o seu terceiro tanto para facer o 7-0 no minuto 23 e despois Débora atopábase co pau e Ana Eliza volvía desbaratar un man a man de Paola. Foi o preludio do primeiro tanto visitante, nun balón en longo de Vero que cabeceaba Paola adiantándose a Ana Eliza. No minuto 28 chegaba o 8-1, nun disparo axustado ao pau dereito de Noelia Montoro, e o 9-1 era obra de Emilly, que remachaba a pracer tras un rexeite de Vero ante un disparo de Patricia. Un minuto máis tarde facía o décimo Dinha coando o balón entre as pernas de Vero. O último da conta local anotábao Patricia no minuto 35, logo dunha recuperación en cancha propia e marcar a porta baleira. Unami, de doblepenalti, e Myrelen, en dúas ocasións, anotaban tres tantos para as canarias no últimos tres minutos de xogo e maquillaban deste xeito un pouco o resultado final de 11-4.
Ficha Técnica Burela FS 11-4 Gran Canaria FSF Teldeportivo
Burela FS (11): Ana Eliza; Cris Lourés, Dinha, Emilly, Patricia -quinteto inicial-, Carolina Pedreira, Débora, Cilene, Cami, Antía Pérez e Noelia Montoro.
Gran Canaria FSF Teldeportivo (4): Vero; Idoya, Paola, Ra, Myrielen -quinteto inicial-, Collado, Unami, Sydorenko e Virginia.
Goles: 1-0, min. 4: Cris Lourés. 2-0, min. 5: Cris Lourés. 3-0, min. 12: Emilly. 4-0, min. 13: Emilly. 5-0, min. 14: Dinha. 6-0, min. 20: Antía Pérez. 7-0, min. 23: Cris Lourés. 8-1, min. 28: Noelia Montoro. 9-1, min. 33: Emilly. 10-1, min. 34: Dinha. 11-1, min. 35: Patricia. 11-2, min. 37: Unami. 11-3, min. 37: Myrielen. 11-4, min. 40: Myrielen.
Árbitros: Luis Álvarez Botas e Daniel Díaz-Faes Rojo (Colexio Asturiano). Amoestaron ás locais Dinha e Cris Lourés, así como á visitante Paola.
Incidencias: Encontro da vixésimo oitava xornada disputado no pavillón de Vista Alegre ante uns 600 espectadores. Nos prolegómenos do encontro foi homenaxeado o conxunto local pola consecución da Copa Galicia e da Copa da Raíña. O cadro visitante fíxolle o corredor ás burelesas e posteriormente a alcaldesa da localidade, Carmela López, fíxolle entrega a Dany dun obsequio conmemorativo para a entidade. Así mesmo, o tenente de alcaldesa, Mario Pillado, entregoulle a Cris Lourés unha réplica da Copa da Raíña que recibiron ao final do partido todas as xogadoras da plantilla laranxa e o seu corpo técnico.






















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



