O BNG denuncia o sectarismo do alcalde José Manuel Lamela ao discriminar ás veciñas e veciños de Santa Cruz, Moucide, Budián, Frexulfe, Santo Tomé e Recaré
O Valadouro, sábado 3 de maio 2025. O Grupo Municipal do BNG no Valadouro vén de denunciar que seis asociacións do concello quedan sen subvencións neste exercicio, tal como se puido comprobar nos orzamentos que o goberno do Partido Popular levou a aprobación en pleno o pasado 15 de abril, e que o BNG votou en contra. Tal como se contempla nas Bases de Execución destes orzamentos, o outorgamento das subvencións a asociacións pode ser a través dun procedemento de concorrencia competitiva ou ben a través dun procedemento de concesión directa, mediante convenios ou nominativamente reflectindo no documento orzamentario de forma expresa o nome das asociacións beneficiarias e a cantidade asignada.
“Dúas asociacións levan axuda e seis non. Esa é desastrosa xestión do PP”
No pleno do pasado 15 de abril o BNG fixo constar que unha vez examinados os orzamentos, non figuraba ningún tipo de subvención para as asociacións das parroquias de Santa Cruz, Moucide, Budián, Frexulfe, Santo Tomé e Recaré. “Nosoutros no exercicio anterios tiñamos recollido nos orzamentos 70.000€ para subvencións, e ese diñeiro repartíase entre todas as asociacións, sen discriminacións de ningún tipo, pero agora este novo gobeno do PP apoiado por Udival volve á súa práctica habitual de dar subvencións a dedo, por que dúas subvencións sí que as deu, pero marxinando a seis asociacións que fan unha importante actividade nas súas parroquias” manifestou o concelleiro nacionalista Eliseo Teijeiro.
“Investimentos: a maior parte dos mesmos corresponden á xestión do BNG e o anterior goberno”
Na análise dos orzamentos os nacionalistas referíronse tamén ao anexo de investimentos presentado polo Partido Popular, que ascende a 515.000€, dos cales máis de 300.000 (máis duns 60%) corresponden á xestión que deixou feita o anterior gobenro municipal
Recuperación das feiras de gando
No pleno do vindeiro 7 de maio, o BNG levará outra vez a moción pola que se solicitaba que o goberno municipal retomara as feiras e actividades gandeiras que o anterior goberno municipal desde as áreas do BNG viñan realizando. “Agardamos que neste pleno sí se trate a moción, pois no anterior ordinario non quixeron tratala, e agardemos que se aprobe e se recuperen as feiras, que son tremendamente importantes para o sector agrogandeiro e para o concello e eran un referente na comarca e no país” afirmou o concelleiro Eduardo Chao.