Os deputados populares esixen a José Tomé “que deixe a un lado as mentiras e as escusas e se poña a traballar para garantir o mellor trato para as persoas usuarias deste centro de maiores así como que se cumpre o prego de condicións do contrato e se respectan ao 100% as condicións laborais das traballadoras”
Trabada, 7 de maio de 2025. O Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo desvela que polo menos hai 10 queixas rexistradas no libro de reclamacións da residencia de Trabada o que evidencia que “José Tomé mentiu a semana pasada cando negou a existencia de calquera tipo de problema no centro”.
Neste senso, o deputado provincial e portavoz do PP de Trabada, José María Fernández, esixe a José Tomé “que diga a verdade” xa que trala xuntanza de onte “o único que dixo foi que o PP buscar réditos políticos cando nós o único que buscamos é o mellor trato para os usuarios e que se respecten as condicións laborais das traballadoras”.
Ademais, trala xuntanza celebrada onte entre familias dos usuarios da residencia de Trabada e a Deputación provincial de Lugo, dende o Grupo Provincial Popular esixen a José Tomé “que deixe a un lado as mentiras e as escusas e se poña a traballar para garantir o mellor trato para as persoas usuarias deste centro de maiores así como que se cumpre o prego de condicións do contrato e se respectan ao 100% as condicións laborais das traballadoras”.
Por iso mesmo, José María Fernández convida ao presidente da Deputación “a retractarse” das palabras que dende o goberno provincial “negouse calquera tipo de problema ou irregularidade no funcionamento do centro” a pesar de que “as familias dos usuarios levan moitos meses alertando dos numerosos problemas existentes, algúns dos cales figuran por escrito no libro de reclamacións, chegando ao extremo de que se interpuxo algunha denuncia ante a Garda Civil dada a gravidade da situación”.
O deputado popular insiste en que “o noso único obxectivo é garantir o mellor servizo para os usuarios e que se cumpran as condicións establecidas no prego de licitación e que se respectan os dereitos das traballadoras”.
Ademais, José María Fernández insiste en que tanto o goberno da Deputación como o Concello de Trabada deben de pedir escusas públicas “por negar a existencia dos problemas que cada día é máis evidente que existen”.
PETICIÓN DE ACCESO Á RESIDENCIA DE TRABADA
Os deputados populares recordan que se pedirá acceso á residencia para ver a realidade e falar coas traballadoras, usuarios e familiares, “á vista de que a Deputación e o Concello levan meses mirando cara outro lado”.
José María Fernández insiste en que “os responsables da residencia son o Concello e a Deputación” e cre que “os responsables dos gobernos local e provincial, nun asunto coma este, deberían ser capaces de escoitar e atender as nosas reclamacións, que responden ás reclamacións dos usuarios e as súas familias, para mellorar a xestión do servizo por parte da empresa adxudicataria, porque é nefasta”.