A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio abriu o foro A profesión veterinaria: os retos de futuro organizado co xornal El Progreso coa finalidade de visibilizar o Campus Terra como motor de coñecemento e investigación na provincia
Lugo, 30 de xuño de 2025. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, abriu esta tarde o foro A profesión veterinaria: os retos de futuro, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Lugo en colaboración co xornal El Progreso co obxectivo de visibilizar, apoiar e consolidar o papel do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela como motor de coñecemento, innovación e desenvolvemento para a provincia.
García Porto destacou que esta xornada forma parte dun ciclo máis amplo de encontros promovidos pola Deputación e El Progreso, nos que se aborda o papel das diferentes áreas de coñecemento do Campus Terra: “Un campus que é xa un referente no ámbito da veterinaria, da enxeñaría agrícola e forestal, da biotecnoloxía ou da sustentabilidade, e que contribúe de forma decisiva a conectar a investigación coa realidade produtiva e social do rural galego”.
Puxo en valor, ademais, a colaboración constante entre a Deputación e a Universidade de Santiago de Compostela a través de proxectos como a Granxa Gayoso Castro, situada en Castro de Rei, “un auténtico laboratorio vivo onde o alumnado da Facultade de Veterinaria pode realizar prácticas en contacto directo con animais reais —vacas, cabalos— e en condicións que reproducen os escenarios do mundo profesional”. Adiantou que durante a xornada interviña tamén Sonia Verdes, directora da Granxa, “para afondar na importancia deste espazo como punto de encontro entre a formación académica, a transferencia de coñecemento e o sector agrogandeiro da provincia”.
Ademais, García Porto reivindicou o papel estratéxico da veterinaria na sociedade actual, destacando que “vai máis alá do coidado animal: é esencial para a saúde pública, para a seguridade alimentaria, para a prevención de enfermidades e para un desenvolvemento sostible con perspectiva ética e científica”.
Tamén salientou o papel que xoga a Deputación no apoio ao ensino superior: “Somos a Deputación que máis recursos destina á universidade pública en todo o Estado, e facémolo porque cremos que investir en formación e talento é investir no futuro desta provincia”.
Un panel de luxo con voces de referencia
A xornada contou coa participación destacada de Juan José Badiola, catedrático de Sanidade Animal da Universidade de Zaragoza. Badiola, unha das voces máis recoñecidas a nivel nacional no ámbito da sanidade animal, ofreceu unha conferencia centrada no papel da veterinaria na prevención e xestión de pandemias.
A continuación, desenvolveuse unha mesa de debate multidisciplinar na que participaron diversos expertos e profesionais do sector veterinario, que achegaron diferentes perspectivas arredor dos retos que afronta a profesión: desde a evolución da formación universitaria ata a incorporación das novas tecnoloxías, pasando polos desafíos do relevo xeracional no ámbito rural ou as demandas sociais en materia de benestar animal.
A mesa de debate contou coa participación de Noelia Mourazos, veterinaria do Servizo de Calidade do Leite da cooperativa galega Seragro; Juan Caínzos, director mundial de produto de GeneAdvance en ABS Global; e Maruska Suárez, profesora titular da Facultade de Veterinaria da USC e xefa do Servizo de Medicina Interna do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina. Xunto a eles interviñeron tamén Elio López, fundador e CEO de Innogando, e Ana Tubío, directora da área de Agricultura e Pesca da Delegación do Goberno en Galicia. O peche da xornada correu a cargo do decano da Facultade de Veterinaria, Gonzalo Fernando Rodríguez.
O público estivo composto por estudantes e profesorado da Facultade de Veterinaria, representantes institucionais, membros de colexios profesionais, expertos do sector gandeiro e medios de comunicación, consolidando estes foros como espazos abertos e de alto nivel para a reflexión colectiva.
A Deputación coa USC
A xornada de hoxe forma parte dun ciclo que inclúe encontros previos sobre a enxeñaría agrícola e forestal, a innovación no rural e outros eidos estratéxicos do Campus Terra. A Deputación de Lugo e El Progreso impulsan esta iniciativa conxunta como parte dunha estratexia máis ampla para “recoñecer e proxectar o traballo que desenvolve a universidade pública dende Lugo para toda Galicia e para o conxunto da sociedade”.
A institución provincial reafirma así o seu compromiso co coñecemento, co territorio e co talento novo, apostando por modelos de colaboración estables que permiten que espazos como a Granxa Gayoso Castro ou a Facultade de Veterinaria sexan motores reais de transformación.



















O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Os propietarios, Javier Montero e Tita Iglesias, recolleron o recoñecemento na Coruña, agradecendo o apoio da clientela, do seu equipo —formado integramente por mulleres— e da propia guía. O establecemento mantén esta recomendación desde 2021 e suma tamén un Sol Repsol, obtido en 2024 e renovado para 2026. O hotel restaurante Javier Montero abriu as súas portas en novembro de 2018.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.



