O Goberno galego está analizando en detalle cos asesores xurídicos e o sector a sentenza, que destaca pola súa complexidade e extensión, e estudará a posibilidade de poder recorrer esta decisión xudicial
Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2025. A Xunta manifestou a súa decepción coa sentenza do Tribunal Xeral da Unión Europea (TXUE) na que desestima o recurso interposto pola Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Burela e 16 compañías armadoras propietarias de 21 buques afectados polo veto á pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico Nororiental. Dita medida foi motivada pola Comisión pola existencia Ecosistemas Mariños Vulnerables (EMV) ou a posibilidade de que existan nas mencionadas áreas recollidas no anexo II do Regulamento de Execución (UE) 2022/1614.
A Xunta participou neste procedemento en calidade de coadxuvante da parte demandante no que achegou información relevante respecto a que a actividade pesqueira da frota de palangre non causaba efectos adversos significativos nos (EMV). Unha modalidade de pesca que destaca por ser das máis selectivas, sostibles e respectuosas co medio mariño. Tamén aportou información sobre o impacto económico e social desta decisión que afecta a máis do 25% da nosa frota (200 embarcacións de xeito directo e 946 de artes menores de forma indirecta).
Nun primeiro momento, recen coñecida a decisión do TXUE, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, fixo unha valoración moi negativa desta resolución que recoñece que o impacto do palangre de fondo é menor respecto ás artes de fondo móbiles (arrastre), e que sinala “a importante envergadura das zonas tapón” nas que se prohibe a pesca. Con todo, ditos elementos non parecen ser suficientes para estimar os recursos. Así, subliñou o apoio incontestable da Xunta ao sector, a quen acompañou o Goberno galego en todo momento, e explicou que a sentenza, que destaca pola súa extensión e complexidade, continuará sendo analizada en detalle nos vindeiros días para estudar a posibilidade de recorrela xunto cos demandantes.
A titular de Mar puxo en valor a actuación da Administración autonómica ao longo de todo o procedemento e reiterou o apoio do Goberno galego ás demandas das entidades do sector afectadas. Tamén sinalou que esta decisión xudicial volve a deixar en evidencia a necesidade de mudar as políticas pesqueiras desenvolvidas no anterior mandato comunitario cara un maior equilibrio entre os factores ambientais, económicos e sociais que permita garantir a sostibilidade e futuro da pesca. Unha actividade extractiva estratéxica para Galicia e o conxunto do continente dado a súa crucial contribución á hora de garantir a soberanía alimentaria.