Alfoz, 21 de xuño do 2025. Coincidindo coa chegada do verán as persoas maiores participantes no programa ActivaMENTE do Concello de Alfoz comezan a gozar dunhas máis que merecidas vacacións.
Esta edición foi unha das que contou con maior participación, xa que ao longo do curso (que se estende de outubro a xuño) participaron 44 maiores, éxito que sen dúbida depende do entusiasmo e ilusión coa que acollen cada unha das actividades semanais que se programan, así como da boa harmonía, amabilidade e cariño que hai entre os/as participantes.
Durante a clausura realizouse un obradoiro de musicoterapia impartido por María Fuente García, licenciada en Historia e Ciencias da Música, no que non só rememoraron as cancións da súa xuventude senón que tamén improvisaron pezas antigas da súa infancia así como sinxelas coreografías.
Agora toca descansar e recargar enerxía para reencontrarse en outubro con novas ilusións e propostas que agardamos continúen cumprindo coas súas expectativas.