O ciclo facilita a concellos e asociacións incluír obras de teatro profesional nas súas programacións culturais
Lugo, 23 de xuño de 2025. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo puxo en marcha unha nova edición do Circuíto de Teatro Profesional, con dezaseis compañías e máis dunha trintena de obras.
Trécola Producións, Xamón Producións, Ítaca Teatro, Ubú Teatro, Teatro do Miolo, Señor López Producións, Satori Teatro, Lîlâ Teatro, Bátega Teatro, Mircromina Títeres, A Compañía Solitaria do Dr. Monifate, Loia Producións, Tarabela Creativa, Bengala Teatro Físico, Enésima e ZoeVixion participan neste ciclo, co que a área de Cultura facilita a concellos e asociacións incluír o teatro profesional nas súas programacións culturais.
O ciclo inclúe unha ampla variedade de propostas escénicas, desde teatro de obxectos ou teatro de titeres para público novo ata obras de teatro danza ou teatro xestual, pasando por montaxes con música en directo ou de narración oral.
A deputada Iria Castro sinalou que con este ciclo “a área de Cultura mantén o apoio á rede de compañías profesionais da provincia, poñendo en marcha unha programación concreta que lles permite rendibilizar o seu traballo creativo, e contribuíndo, no medio prazo, a consolidar un público para o teatro e as artes escénicas en todas as comarcas”.
Nesa liña, destacou “a incorporación ao ciclo de catro novas compañías Tarabela Creativa, Bengala Teatro Físico, Enésima e ZoeVixion, que amplían o catálogo de propostas a disposicion de concellos e asociacións”
A deputada de Cultura remarcou “a importancia de facilitar o acceso a propostas culturais de calidade en todo o territorio, de man de concellos e asociacións que precisan este tipo de colaboracións e iniciativas para ampliar as súas programacións culturais”.
A área de Cultura destina 110.000 euros, un investimento co que asume o 90 por cento do custe das representacións solicitadas por asociacións e entre o 70 e o 80 por cento no caso das solicitadas por concellos, en función da súa poboación.