Cervo, 24 de xuño de 2025. Hai unha nova ferramenta para quen está farto de ver lixo no monte, vertidos nos ríos ou agresións ao noso mar e non poder facer nada. DenunciaPuercos é a nova app impulsada pola startup galega Masnostra (San Cibrao, Cervo) e o think tank europeo CEUS que permite denunciar, dende o móbil e con xeolocalización, calquera atentado ecolóxico. E facelo de forma anónima ou nominal, ao instante.
“Queremos que cada persoa sexa un vixiante da natureza. Que quen contamina, o pague. E que os veciños que limpan e se implican, reciban apoio económico e recoñecemento social”, declara Juan Carlos Piñeiro, director operativo de Masnostra.
A app que estará dispoñible o 10 de Xullo nas plataformas de descarga, e permite denunciar vertidos ilegais, puntos de lixo en espazos naturais, contaminación visual e outros delitos ambientais. Ademais, canaliza automaticamente as denuncias cara ás administracións competentes a través de CEUS, abrindo unha vía directa entre a cidadanía e o poder público.
Pero o proxecto vai máis alá. Con DenunciaPuercos tamén se organizan campañas de limpeza colaborativa, activando microdoazóns cidadás e patrocinios empresariais que se destinan integramente a financiar accións de limpeza, mantemento do servizo e compra de materiais tamén a compensación simbólica aos voluntarios.
“Se un vertido ilegal se mantén semanas sen limpar é porque falta vontade e ferramentas. Nós puxemos a tecnoloxía. Agora precisamos o apoio de empresas e institucións para facer isto grande. Este é un proxecto de país”, afirma Luís Rubal, presidente de CEUS.
O chamamento
DenunciaPuercos busca agora patrocinadores comprometidos co medio ambiente, tanto do sector privado como público. Precísanse mans, recursos e vontade para manter esta actividade e para facer de Galicia un exemplo mundial en vixilancia cidadá do medio natural.
“Non hai desculpas. Todos temos un móbil no peto. Agora tamén temos unha app que nos permite actuar. Non máis pasividade. Cada denuncia conta, cada euro suma, cada acción cambia o entorno”, remata Angel Pereiro CEO de Masnostra, tecnoloxía deseñada en Galicia con I+D+I galego e talento atlántico.