Os deputados populares opuxéronse tamén, como pediu o BNG, a expresar a solidariedade coa denunciante e a reprobar a filtración da súa identidade
Santiago de Compostela, 24 de xuño, 2025. Pleno. A portavoz de Feminismo e Igualdade do BNG, Noa Presas, acusou o PP de afondar na “infamia” do ‘caso Villares’ por negarse no Pleno a rectificar tras “vinte días de vergonza” nos que nin o presidente da Xunta, nin a conselleira de Igualdade nin ningún outro membro do Goberno galego tiveron unha soa palabra de solidariedade coa vítima pero proclamaron a inocencia do ex conselleiro imputado por agresión sexual, a quen encubriron durante máis de catro meses.
Presas defendeu no Pleno unha moción que brindaba aos deputados do PP unha oportunidade para “rectificar unha actuación intolerable e acertar, deixando de ser cómplices do machismo” nun momento, ademais, no que Galiza está a vivir unha “situación de emerxencia por violencia contra as mulleres”. Unha situación na que, polo tanto, é máis grave aínda a “mensaxe demoledora” que o Goberno de Rueda, coa súa actuación diante da imputación do ex conselleiro do Mar, está dando ás vítimas que dan o difícil paso de denunciar.
A iniciativa do BNG reclamaba o pronunciamento do Parlamento galego para expresar a solidariedade e apoio á denunciante neste caso, así como para reprobar a filtración pública da súa identidade e para manifestar o apoio xeneralizado ás mulleres agredidas que toman a decisión de acudir á Xustiza.
O PP votou non a todo isto e, por terceira vez, vetou a comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para dar explicacións ás galegas e aos galegos por uns feitos “gravísimos e inéditos”. “Vemos un presidente da Xunta covarde, parapetado en que xa deu dous ou tres canutazos, negándose a dar explicacións”, afirmou a deputada nacionalistas, que volveu emprazar a Rueda a render contas por encubriu un presunto agresor sexual durante máis de catro meses, “permitindo que seguise cobrando un salario público, usando coche oficial e sentando no Consello da Xunta”.
Igualmente, o PP votou non á petición do BNG de poñer a disposición da denunciante todos os recursos previstos ao abeiro da Lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero e, singularmente, do seu artigo 30 canto ao exercicio da acción popular no procedemento penal.
Co seu voto en contra á iniciativa nacionalista, os populares reafirmaron a súa negativa a remitir á Cámara a documentación que acredite o momento exacto no que Rueda tivo constancia dunha denuncia por agresión sexual ao ex conselleiro Alfonso Villares. Tampouco quere o PP, tal e como propuxo o Bloque, investigar a filtración da identidade da denunciante “e colaborar, coa máxima transparencia, para aclarar a posible responsabilidade de calquera membro do Executivo galego ou vinculado ao Executivo galego”.
Moitas cabezas baixas, pero ningunha rectificación
Noa Presas lamentou que o presidente da Xunta e os e as conselleiras —con especial mención á de Igualdade— persistan en “poñerse do lado do machismo para defender a un dos seus” na vez de poñerse do lado das mulleres. “Nestes días vimos —vemos aquí tamén neste hemiciclo— moitas cabezas baixas pero ningunha rectificación”, subliñou.
A deputada nacionalista cualificou de “indignante” que o Executivo opte por lanzar esa mensaxe “demoledora” ás mulleres xusto nun momento de emerxencia por violencia machista en Galiza, con cando menos 4 intentos de feminicidio en menos de un mes e tres mulleres asasinadas este ano, dúas delas en quince días.
“Que mensaxe envían ás mulleres deste País, a quen poida ser vítima dunha agresión e poida estar pensando en denunciar?”, interpelou ás bancadas do PP tras lembrar os “20 días da infamia” usando medios da Xunta “para facer de xuíz de parte”, “condicionar a opinión pública” e “converter o acusado en vítima”. “Vinte días —engadiu— insinuando que a denuncia é falsa facendo seu o discurso misóxino e negacionista da extrema dereita sabendo que é un bulo”.
Presas rematou a súa intervención advertindo que a violencia machista é “o problema máis importante da vida das mulleres” e reprobando os e as deputadas do PP que presuman de “tolerancia cero menos cando se trata dun dos seus”. Lamentou, ademais, que sendo Galiza pioneira en materia lexislativa na loita contra a violencia de xénero, o PP se coloque agora como “pioneiro en dar un paso atrás sen precedentes”.