No próximo curso abrirase a residencia do centro, que vai permitir acoller a 21 estudantes
Ribadeo, 11 de xuño de 2025. O Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo, dependente da Consellería do Medio Rural, acolleu hoxe unha xornada de portas abertas centrada nos ciclos de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural e de Produción Agroecolóxica, ambos impartidos en modalidade dual intensiva. A xornada incluíu un programa de actividades variado que combinou charlas, talleres prácticos e unha degustación de produtos con denominación de calidade de Galicia.
O evento estivo pensado para persoas e empresas interesadas no sector agroecolóxico e forestal e contou cunha introdución inicial coa participación das empresas Eo Alimenta, Huerta Joyana e Seaga, na que deron a coñecer os seus proxectos.
Posteriormente os asistentes desfrutaron dunha serie de actividades prácticas nas instalacións do centro. Entre as principais destacou unha demostración e proba de maquinaria de batería Stihl, realizada en colaboración coa empresa Forestal Loureiro, así como un taller sobre o uso axeitado de ferramentas e máquinas forestais (PRL), impartido polo persoal do CFEA de Guísamo.
A xornada tamén incluíu unha incursión no mundo da micoloxía, cun taller de cultivo de setas Schiitake mediante o método tradicional xaponés. Ademais, Jesús López Penabad, administrador e propietario da empresa Shiifos SC, centrouse na inoculación e cultivo das setas en troncos de carballo.
Ao longo do día os asistentes participaron en obradoiros prácticos de conservas vexetais, manexo de simuladores de procesadoras forestais, traballos forestais en altura e medición de arbolado. Tamén se realizaron demostracións do uso de vehículos aéreos non tripulados aplicados tanto a traballos forestais como agrícolas. Como parte deste percorrido, os participantes puideron visitar a residencia de estudantes do centro.
O programa desta xornada finalizou cun ciclo de tres charlas impartidas por profesionais e directivos de empresas do sector, despois das cales os asistentes degustaron produtos agroalimentarios galegos amparados por selos de calidade diferenciada.
Reapertura da residencia de estudantes
Como novidade, no próximo curso abrirase a residencia do Pedro Murias, cun total de 21 prazas, o que vai permitir mellorar a estancia dos alumnos do centro. Ademais, a Consellería do Medio Rural ofertará un total de 406 prazas de novo ingreso nos seus seis centros de formación no vindeiro curso 2025/26, o que supón un 11 % máis con respecto ao curso actual. Concretamente, no CFEA Pedro Murias serán 44 prazas de primeiro ano para os ciclos de aproveitamento e conservación do medio natural e produción agroecolóxica.