Ribadeo, 12 de xuño, 2025. A XXX Feira da Ciencia comezou en Ribadeo cunha gran celebración e novidade pois grazas á proposta da Consellería de Educación tivo lugar o Encontro dos Centros Educativos da localidade e resultou ser todo un éxito. Xuntáronse, alumnado e profesorado do Centro Integrado de Formación profesional Porta da Auga, do Centro de Educación Infantil e Primaria Gregorio Sanz, do Centro Privado de Ensinanza Sagrado Corazón de Jesús e do anfitrión, o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo cun único obxectivo: que o alumnado sexa o protagonista xa que poder compartir o aprendido e experimentado é parte importante da verdadeira aprendizaxe.
Á cita acudiron numerosas autoridades: o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, a Xefa Territorial de educación, Dona Sagrario Sánchez e o Alcalde de Ribadeo, Daniel Vega. Actuaron como anfitrións o director do Centro, Modesto Refojo e a profesora de Bioloxía Susi Besteiro, organizadora das últimas Feiras da Ciencia e implicada dende a primeira xunto a Antonio Gregorio, precursor da idea.
Foi un día especial e será o primeiro de moitos Encontros Educativos Ribadenses. Puidéronse ver máis de 50 traballos. O CEIP Plurilingüe Gregorio Sanz presentou un Taboleiro Interactivo de Ribadeo, o Desafío Cansat, o Xardín de pensamentos de Rosalía e as Microrredes A Mariña. O CPR Plurilingüe Sagrado Corazón amosou Reciclar para axudar, o Doce código, Espazos verdes e Vida nas aulas. O CIFP Porta da Auga, onde naceu a Feira fai XXX anos, a partir da súa oferta educativa sorprendeu con interesantes proxectos. Pola súa banda, o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, presentou traballos variados: Cubo infinito de mulleres científicas galegas, maquetas caseiras da Cuna de Newton, do Parafuso de Arquímedes, e da Gaiola de Faraday, inventos tecnolóxicos coma o Soláforo e a Aula de Refrixeración, proxectos relacionados con enfermidades como Arterioesclerose, Osteoporose, Cancro e mitose, As cataratas do ollo e ata unha maqueta das Tesoiras Xenéticas Crisper Cas9 que están revolucionando a medicina e abren a porta a curar moitas enfermidades. Asimesmo, tamén estaban expostos os resultados do II Bioblitz do centro coa aparición da mariposa Vanessa cardui que fai unha migración de 15000km e numerosos Instrumentos e Cadros Musicais Caseiros feitos polo alumnado para conmemorar o Día do Medio Ambiente.
O IES de Ribadeo Dionisio Gamallo propuxo que este sexa o primeiro de moitos Encontros Educativos dos Centros Ribadenses e todo o profesorado participante amosou o seu acordo. Esto significa que en Ribadeo o alumnado non só merece a noraboa polo traballo feito senón que vai seguir sendo protagonista.