Os senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano-, e os portavoces de Pesca do Grupo Popular no Senado e no Congreso, Manuel Ruiz e Rosa Quintana, respectivamente, amosan a súa preocupación pola flota lucense que “é a máis afectada de toda España”
A Mariña, 12 de xuño de 2025. O Partido Popular diríxese formalmente ao Goberno de Sánchez no Senado e no Congreso para coñecer a súa posición ante a desestimación dos recursos promovidos pola OPP-7 Porto de Burela en colaboración coa Xunta e o Reino de España contra as 87 vedas á pesca de fondo impostas no 2022 polo comisario europeo ecoloxista e que afecta a áreas de pesca de Portugal, España, Francia e Irlanda.
Os senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano-, e os portavoces de Pesca do Grupo Popular no Senado e no Congreso, Manuel Ruiz e Rosa Quintana, respectivamente, amosan a súa preocupación pola flota lucense que “é a máis afectada de toda España”.
Á vista de que “está en risco a viabilidade do sector”, os populares queren saber que valoración fai o propio Executivo de Sánchez desta situación e, máis concretamente, esíxenlle explicacións sobre as medidas que ten previsto adoptar sen esquecer as que xa debera ter adoptado desde o ano 2022.
Por unha banda, esíxenlle ao Goberno de España que explique se ten previsto interpoñer recurso de casación ante o Tribunal de Xustiza da UE contra este fallo e se solicitará a revisión do Regulamento europeo que establece condicións específicas aplicables á pesca de poboacións de augas profundas.
E, tendo en conta que “tanto a desestimación do Tribunal Xeral de Xustiza da UE coma o propio Regulamento se basean na posible presenza de especies vulnerables á pesca de fondo”, agardan que o Executivo de Sánchez aclare se ten recompilado información científica dende o 2022 para descartar ou afirmar a existencia destes ecosistemas mariños vulnerables e os efectos que o palangre de fondo poida causar nesas áreas.