Lugo, 21 de xuño de 2025. Ante a campaña de ataques persoais e políticos protagonizada hoxe polo secretario xeral do PSOE de Lugo e presidente da Deputación, José Tomé, acompañado por Lara Méndez, Miguel Fernández e Ana González Abelleira, desde o Partido Popular da provincia de Lugo queremos expresar o seguinte:
Rexeitamos con absoluta rotundidade as graves acusacións vertidas contra Elena Candia, presidenta provincial do PP, ás que só se pode responder cunha palabra: indecencia. Usar o arquivo dun procedemento xudicial para lanzar insultos persoais e tentar destruír a reputación dunha representante pública é un exercicio de desesperación política impropia dunha democracia madura.
O Partido Socialista de Lugo está claramente inmerso nun momento de preocupación e tensión interna, e en lugar de ofrecer explicacións polos escándalos que afectan ao seu partido a nivel nacional, opta por atacar a quen actuou conforme á lei e en defensa do interese xeral.
Resulta revelador que, no peor momento para o PSOE a nivel estatal, con múltiples causas xudiciais abertas e coa sombra da corrupción planeando sobre o Goberno –mesmo nunha obra ferroviaria no tramo Monforte-Lugo-, os seus representantes na provincia de Lugo opten por atacar á quen representa a legalidade, a transparencia e a defensa do interese público.
Mentres o PSOE pretende desprestixiar a quen cumpre coa lei, queda cada vez máis claro que estamos ante uns representantes socialistas que, en vez de amparar a quen persegue a corrupción, prefiren homenaxear a presuntos corruptos.
Desde o Partido Popular amosamos o noso total apoio e confianza en Elena Candia, referente de rigor, traballo e compromiso con Lugo e con Galicia. Seguiremos traballando con firmeza, sen deixarnos amedrentar por campañas de desprestixio orquestradas polos mesmos que hoxe están sendo cuestionados pola cidadanía
Desde o PP seguimos apostando pola política útil, polo respecto institucional e pola defensa dos valores democráticos, fronte a quen pretende embarrar o debate público con ataques persoais e cortinas de fume.