José Tomé Roca: “Non é unha dimisión voluntaria, é unha fuxida forzada pola presión xudicial. O que fixo Rueda é inaceptable, e Candia non pode seguir en silencio”
Lugo, 5 de xuño de 2025. O PSdeG-PSOE da provincia de Lugo reclama explicacións urxentes ao Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por manter no seu goberno durante seis meses ao Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, a pesar de coñecer que estaba a ser investigado por unha presunta agresión sexual.
A dirección socialista considera “gravísimo e inadmisible” que o máximo responsable do Goberno galego decidise agochar esta información á cidadanía, e esixen tamén explicacións á Presidenta provincial do PP e voceira parlamentaria, Elena Candia, “que opina de todo pero cala cando lle toca explicar algo tan grave como isto”.
O Secretario Xeral provincial do PSdeG, José Tomé Roca, afirmou que “o primeiro é a solidariedade coa persoa afectada. Repudiamos totalmente calquera tipo de abuso, especialmente si é de tipo sexual”. Criticou con dureza a actitude do exconselleiro, que “di que é un asunto estritamente persoal, pero desde o momento no que tes un cargo público xa non hai nada estritamente persoal, tes a obriga de dar explicacións”.
Tomé Roca sinalou que “non se pode pretender vender como unha dimisión voluntaria o que é unha marcha forzada. Se fose voluntario, xa marcharía hai meses. Vaise porque o TSXG o obriga, e porque a situación era insostible”.
O dirixente socialista puxo o foco na responsabilidade directa de Alfonso Rueda: “Hai un presidente da Xunta que sabía o que estaba pasando desde hai seis meses, e decidiu manter ao Conselleiro no seu posto. Que trataban de agochar? Por que non actuou antes?”. E engadiu que “o que fixeron foi mirar para outro lado e agora pretenden disfrazalo de responsabilidade. Todo o contrario: é unha deshonra política”.
Tomé Roca pediu explicacións á Presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, como máxima responsable provincial do partido. “Como muller e como dirixente pública, espero que diga claramente se rexeita este tipo de comportamentos e que explique aos lucenses por que o PP permitiu que isto ocorrera. Sempre opina de todo, pero agora garda silencio. Non vale agocharse cando o problema afecta directamente ao teu partido”.