Burela, 18 de xuño, 2025. SSMM os Reis de España visitaron onte Burela con motivo do seu X Aniversario, visitando o porto e a centenaria Confraría do pobo mariñán e rematando a mañá cunha homenaxe na Praza do Concello ao equipo feminino do CD Burela FS, actual campión da Copa da Raíña de fútbol sala feminino e que acumula 7 títulos desta competición.
O club fixo entrega ás súas maxestades de dúas camisetas cos seus nomes e unha bufanda, e tras a toma de fotografías, Letizia e Felipe quedaron a charlar moi amigablemente co equipo e directiva do club, na que o presidente do mesmo, José Luis Sáez, contoulles a situación e a loita por sacalo adiante, especialmente por todos os nenos e nenas implicados así como polo proxecto de igualdade do que a entidade é pioneira, mostrándose ambos preocupados por estas circunstancias. Tamén charlaron coas xogadoras, entre elas Dany (a capitá) e Antía Pérez, sorprendidos pola cantidade de títulos alcanzados polo club, non só da Copa da Raíña, tamén Ligas e Supercopas, de novo sensibilizáronse coa situación e mostraron o seu alento e esperanza pola súa supervivencia e recuperación.
Desde o club “agradecemos enormemente esta visita e homenaxe tanto ao Concello de Burela como á Casa Real, así como a impecable organización do evento e trato recibido durante o mesmo”.