Cervo, 17 de xuño, 2025. Este martes 17 de xuño, ás 11:30 horas, tivo lugar unha proba das sereas de aviso á poboación no marco do Plan de Emerxencia de Presas (PEP), que afecta ao encoro de Río Cobo.
Trátase dun aviso acústico por motivos de seguridade, encadrado nun procedemento de verificación técnica para comprobar o correcto funcionamento dos sistemas de alerta.
Non houbo motivo de alarma, xa que foi unicamente unha proba planificada co obxectivo de garantir que, en caso de emerxencia real, os mecanismos de aviso funcionen de forma eficaz e inmediata.
Durante o simulacro, a alcaldesa Dolores García Caramés estivo presente na sala de emerxencias do encoro, acompañada por Mario Antuña,cabo de Protección Civil, por María José Nistal e Daniel Díaz, do Servizo de Emerxencias da Xunta de Galicia en Lugo; así como por persoal responsable do Encoro e de Alcoa, como entidade titular da infraestrutura.
A rexedora quixo supervisar persoalmente o desenvolvemento da proba e coñecer de primeira man o protocolo de actuación establecido no Plan de Emerxencias de Presas, así como o grao de coordinación entre os distintos organismos implicados.
Un compromiso coa transparencia, a prevención e a seguridade cidadá.