José Tomé Roca abriu este venres no club náutico do municipio mariñán un encontro entre os empresarios da provincia e o Cónsul de Uruguai “coa convicción de que apoiar a internacionalización é clave para o crecemento das nosas pemes e autónomos”
Lugo, 27 de xuño de 2025. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este venres no club náutico de Ribadeo unha xornada da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), coa que colabora a institución provincial, para impulsar a internacionalización das empresas lucenses en Latinoamérica. Na cita participou o Cónsul de Uruguai en Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, Ramiro Rodríguez Bausero; e o Director xeral de Antea Group en España e Latinoamérica, Fernando Illanes Álvarez.
Na súa apertura Tomé Roca destacou que “a Deputación de Lugo súmase a esta iniciativa coa convicción de que apoiar a internacionalización é clave para o crecemento das nosas pemes e autónomos. Nun mundo cada vez máis interconectado, mirar cara novos mercados non é unha opción, senón unha necesidade”.
Subliñou que “Uruguai é un mercado que destaca pola súa estabilidade política, a súa seguridade xurídica e a súa calidade democrática e por ser un país que ofrece confianza, seriedade e apertura ao inversor estranxeiro”. Puxo en valor que a relación con España é “fluída e sólida, reforzada por acordos bilaterais que facilitan as relacións comerciais e protexen a inversión. En sectores como as enerxías renovables, as infraestruturas, o turismo, a banca ou os servizos dixitais, as empresas lucenses teñen moito que aportar”.
Tomé Roca engadiu que “Lugo é unha provincia con talento, con innovación e con capacidade para competir no exterior” e avanzou que esta xornada marca “un paso importante previo á misión empresarial que se está organizando tras o verán a Uruguai e Arxentina, e que tamén conta co respaldo desta Deputación”.