Viveiro, 18 de xuño de 2025. O Concello de Viveiro, a través da Oficina Municipal de Voluntariado do Centro de Servizos Sociais, fai un chamamento á participación cidadá no “Proxecto de reforzo educativo, lecer e tempo libre”, que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto, dirixido a menores en situación de desvantaxe social.
O proxecto ten como obxectivo ofrecer apoio educativo e actividades de lecer a menores en idade de escolarización obrigatoria que manteñen relación co Centro de Servizos Sociais.
Poderá participar calquera persoa interesada en colaborar, se ben se valorará positivamente a formación nas áreas educativa e social.
Cómpre destacar que o Concello de Viveiro mantén convenios de colaboración coa Universidade da Coruña e coa Universidade de Santiago de Compostela para o desenvolvemento de programas de voluntariado. Grazas a estes acordos, as persoas participantes no proxecto poderán obter a certificación de créditos ECTS equivalentes ás horas de acción voluntaria realizadas.
As persoas interesadas poden poñerse en contacto co Centro de Servizos Sociais de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, chamando aos teléfonos 982 550 421 / 604 046 956 ou enviando un correo electrónico a mli.voluntariado@viveiro.es