Mondoñedo, 30 de xullo de 2025. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do Mercado Medieval de Mondoñedo, que se celebrará entre os días 7 e 10 de agosto. Está organizado polo Concello e pola asociación Amigos do Mercado Medieval e conta coa colaboración do Goberno galego.
O evento cumpre a súa trixésimo terceira edición cun completo programa que inclúe 70 actividades para todos os públicos, e introduce como novidade unha cea o venres que terá lugar na igrexa da Alcántara, no Centro de Interpretación do Camiño Norte. O sábado ás 12.00 horas pronunciará o pregón Valentín Insua, campaneiro da Catedral.
Numerosos colectivos de recreación histórica ambientarán esta cita, ofrecendo espectáculos na rúa como o bautismo de cabaleiros, torneos ou unha voda polo rito mozárabe. No apartado musical destacan o concerto de música sacra o xoves no claustro da Catedral ou a actuación de Mekanika Rolling Band o sábado á noite na Praza do Concello.