Ía titulalo ‘A pel do bonito e outras historias’, pero a idea non trata de recompilar historias curiosas ou chamativas (é dicir, non era ese o tema importante), senón de salientar o espírito que hai detrás do conxunto delas. Ou sexa. bosquexar como o seu conxunto pode afectar á vida que levamos.
Imos. Dáse a circunstancia de que é verán. E que Ribadeo é un pobo de costa; a máis, pobo de moda. Unha persoa na peixería do supermercado, cunha longa cola, manda que lle pelen o bonito. A xente do pobo mírase unha á outra… Outra persoa -ou a mesma-, na mesma peixería, dilles ás peixeiras que teñan coidado ó limpar as luras porque quere as bolsas de tinta, non se lle vaian estragar. Pobres bolsas… Aqueloutra, noutro supermercado, quere falar coa encargada porque o pan que ela consume non está no lugar de sempre. Iría de vacacións… Parei de contar as veces que, hoxe e á miña vista, un coche se meteu nun paso de peóns estando cruzando alguén. Parece que medran os erros ó volante… Sigo? Historias semellantes nun lugar como o que é Ribadeo no verán, son frecuentes, cuns ou outros detalles. Aquí, normalmente, atribuídas a madrileños e non a lucenses, por exemplo.
Conste que teño amigos, madrileños e veraneantes en Ribadeo, que me din que sofren cousas polo estilo (aquí), aclarando por exemplo que en Madrid xa saben como actuar, onde e cando comprar para que lles resulte máis rendible en tempo, cartos e paciencia, etc. Pero aquí atópanse non só nun terreo descoñecido, senón tamén de fauna cambiante duns a outros días, o que aumenta o seu desconcerto.
Non creo que “os madrileños” sexan peores ou máis maleducados ca nós. De feito, non só moitos madrileños son postizos, nados noutros lugares, senón que tamén se poden observar con outras maneiras se estás de viaxe en Madrid. A máis de que en tódolos lugares cocen fabas, como o dito proclama ós catro ventos. Polo contrario, creo que veñen con outra mentalidade, que a nós nos parece avasaladora, e que de feito está a avasalarnos en máis dun sentido déanse / deámonos ou non conta nun momento determinado. Como nativos, coido que temos dereitos, e como avasalados, que os estamos a perder. Non é tanto algo do verán como algo que, con xerme no verán, vai quedando ó longo do ano. E non ten consecuencias ó estilo de colonización, senón tamén como xentrificación. É dicir, unha expulsión suave pero acelerada do centro urbano -que pasa a estar deseñado para a xente de fóra e ó seu estilo-, da nosa tranquilidade e das nosas costumes diarias, baixo o ímpeto da compra e os cartos -de fóra- que elevan os prezos de vivendas, cafés ou o que se poña por diante. Tamén, se fai patente noutras actitudes, como a diferenza entre o ver o pobo non como un espazo para vivir senón para beber e facer ruído e outras cousas que non fan tanto na casa e no lugar onde viven normalmente. Ou mesmo, na exportación da crispación do tráfico, do tempo dispoñible ou da insatisfacción vital, como unha secreción que se deixa no lugar e enmerda a quen alí (aquí) mora.
Claro que todo iso sería imposible sen unha primeira quintacolumna local que ó tempo que colle os cartos fai o (e fía ó) vostede e despexa o camiño de xente nativa. E, a medida que o proceso se agudiza, máis difícil é non só paralo, senón tamén cambialo facendo posible o aproveitamento do cambio para o conxunto da xente local. Costa do Sol, Baleares, Canarias… van por diante no proceso e indícano claramente: a compoñente do ‘turismo’ acompañou o desenvolvemento, pero non produciu un desenrolo maior e mellor que noutros lugares, senón máis ben, ó contrario.

















No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.
O 14 inaugúrase o Rincón da Poesía, con música de gaitas e concerto de Xuaco Amieva, ademais da presentación de Viaxe a Dacondo I. O 21 terá lugar un recital poético-musical na Casa de Cultura, con música en directo, participación de autores locais, presentación do libro Tu voz en mi voz e homenaxe a Luis Pérez del Súcaro.
Este domingo, 8M, celebrouse un xantar no restaurante O Noso Lar no que participaron máis de 100 mulleres con posterior baile na Casa do Mar.
Reuniu na xornada deste sábado no pavillón de deportes a 700 ximnastas procedentes de diferentes puntos da provincia de Lugo e tamén dun club convidado de Pontevedra. Foi un día intenso de deporte e de convivencia, que tivo unha importante repercusión na hostalería local. Desde o Concello felicitan a todas as participantes, subliñan o traballo da organización (Escola Porta Norte) e agradecen o apoio das entidades colaboradoras.



