As actuacións enmárcanse no Programa Rexurbe e os inmobles están emprazados nos conxuntos históricos destes concellos
Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2025. A Xunta vén de licitar por preto de 8M€ (7.986.139€) as obras de rehabilitación de 13 edificios para crear 26 vivendas destinadas a alugueiro accesible nos cascos históricos de Ferrol, Lugo e Mondoñedo.
Estas actuacións enmárcanse no Programa Rexurbe da Xunta, co que a Administración está a adquirir inmobles en centros históricos para rehabilitalos con destino a alugueiro accesible.
Deste xeito, as vivendas rehabilitadas serán cualificadas como de promoción pública e pasarán a formar parte do parque de vivendas propiedade da Xunta e serán adxudicadas en réxime de alugueiro accesible recorrendo ás persoas inscritas no Rexistro de demandantes de vivenda de Galicia.
A licitación destes contratos divídese en catro lotes distintos e as empresas teñen de prazo ata o 12 de agosto para a presentación de ofertas. En conxunto, o obxectivo é habilitar un total de 26 vivendas, incluíndose a habilitación de 17 rochos e 3 locais.
O primeiro e o segundo lote correspóndense coa contratación das obras de rehabilitación integral de seis edificios no municipio de Ferrol.
Así, no primeiro inclúense tres edificios, un situado na rúa San Francisco 13 no que se habilitarán 2 vivendas públicas e 2 rochos. Tamén se impulsarán as obras de rehabilitación doutro edificio para 2 VPP, 2 rochos e 2 locais na rúa Mercé 22 – esquina rúa Carme Curuxeiras 36-38; e o terceiro inmoble está situado na rúa Dolores 28, barrio da Magdalena, onde se habilitarán outras 3 vivendas, 3 rochos e 1 local.
No segundo lote, tamén en Ferrol, inclúense a contratación das obras de rehabilitación en outros tres edificios, neste caso os situados na rúa Espartero, números 18, 46 e 59, respectivamente. No primeiro inmoble habilitaranse 3 VPP e 3 rochos, no segundo 2 VPP e no terceiro a obra incluirá 2 VPP e 2 rochos.
O terceiro lote corresponde a dous edificios no concello de Lugo, situados na rúa Catedral 18 e 22. En cada un deles habilitarase 1 vivenda protexida.
O cuarto lote comprende a rehabilitación de cinco edificios para a obtención de novas vivendas de promoción pública en Mondoñedo.
Trátase de rehabilitar 1 edificio para 1 VPP e 1 rocho na praza Muíños de Arriba 24; outros 2 edificios para 4 VPP e 4 rochos na rúa Guevara 7 e 9, así como actuar nun edificio para 1 VPP na rúa Febrero 30, e noutro inmoble para 2VPP na rúa Álvaro Cunqueiro 34. Tamén se inclúe neste último lote as obras de remodelación e reforzo estrutural de 2 VPP e mellora da envolvente do edificio na rúa Progreso 10.
Todas estas obras contan coa cofinanciación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco operativo Feder Galicia 2021-2027.