O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que se traballa no proxecto para facilitar os fluxos de tráfico entre as estradas autonómicas LU-862, LU-539 e LU-540
Viveiro, 8 de xullo de 2025. A Xunta de Galicia mellorará a seguridade viaria en Viveiro coa construción dunha rotonda na contorna da capela da Nosa Señora da Misericordia. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o lugar e confirmou que a previsión é contar co proxecto de trazado antes do fin de ano para a súa supervisión e posterior información pública.
A actuación servirá para ordenar o fluxo de tráfico entre as estradas autonómicas LU-862, LU-539 e LU-540. Estará situada no encontro entre as dúas primeiras, aproveitando a cesión dos terreos adxacentes logo da desaparición dun edificio que no seu momento condicionou o deseño da solución adoptada. O cruce presenta actualmente unha intersección de circulación rotatoria elíptica, que se substituirá por unha glorieta circular máis funcional e segura.
Arias explicou que a Axencia Galega de Infraestruturas está traballando no proxecto, que ademais da propia glorieta incluirá os entronques, a incidencia na mobilidade peonil e a súa integración urbana, así como a reposición dos servizos que se poidan ver afectados polas obras.
O delegado sinalou que se trata dun tramo cun notable volume de tráfico, tanto cara ao centro urbano da localidade como de saída en sentido Lugo pola LU-540 (Viveiro-Cabreiros).
Ao respecto, lembrou que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas tamén está executando obras de mellora da seguridade e da capacidade desta estrada en 15,5 quilómetros entre Viveiro e Ourol, ás que destina 8,2 millóns de euros.